Tres grupos do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros levarán a música e o baile á praza de eventos do complexo para visibilizar, nun espazo de tránsito cidadán, a loita contra o idadismo.
Martes, 9 de xuño de 2026. Con motivo do Día Internacional de Toma de Conciencia sobre o Abuso e Maltrato na Vellez, que se celebra cada 15 de xuño, o Concello de Narón organiza este mércores 10 de xuño un acto de visibilización contra o idadismo no centro comercial Odeón. A partir das 17.30 horas, tres grupos do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros actuarán na praza de eventos do complexo cunha proposta que inclúe cantos de taberna, baile e cancións de animación. A presentación correrá a cargo de Paula Fernández, coordinadora do centro.
O idadismo, termo que designa os prexuízos, estereotipos e discriminacións que se exercen sobre as persoas en función da súa idade, é un dos problemas máis normalizados e menos recoñecidos da sociedade actual, segundo a Organización Mundial da Saúde. Opera de forma sutil pero profunda e condiciona a maneira en que pensamos, sentimos e actuamos cara ás persoas maiores, repercutindo directamente nas políticas públicas, no acceso a servizos e na participación social.
A concelleira de Benestar de Narón, María Lorenzo, subliñou a importancia de trasladar esta mensaxe ao espazo público: “O idadismo segue a ser unha das formas de discriminación máis invisibles, e por iso precisamos visibilizala. Queremos que este acto faga pensar, pero tamén que transmita enerxía e alegría, porque iso é precisamente o que representan os nosos centros comunitarios”. Lorenzo destacou ademais o valor simbólico do lema que guía esta iniciativa: “’Narón suma vida’ é unha declaración de principios. As persoas maiores non son unha carga, senón parte activa e imprescindible do que somos como municipio”.
Fronte aos prexuízos, Narón reivindica con este evento que os seus centros comunitarios son un exemplo vivo de que a idade suma. Os grupos do centro Manuela Pérez Sequeiro mostrarán este mércores nun espazo de tránsito cidadán que o envellecemento activo, a creatividade e a participación colectiva son a mellor resposta contra a discriminación por razón de idade.