O V TORNEO CIDADE DE NARÓN REÚNE O MELLOR MUS GALEGO CUN BILLETE PARA O MÁSTER NACIONAL EN XOGO
A asociación Musnar organiza esta competición, puntuable para o Máster Nacional que se celebrará en Oviedo.
Venres, 19 de xuño de 2026. Narón acolle o próximo sábado 27 de xuño o V Torneo Cidade de Narón de Mus, organizado pola asociación Musnar coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Deportes. O torneo celebrarase no Hotel Valcarce, situado na Avenida de Gonzalo Navarro 134, no Polígono Industrial Río do Pozo, e dará comezo ás dez da mañá para prolongarse durante todo o día ata as finais, previstas arredor das dez da noite.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou o cartel do torneo xunto a membros de Musnar. "É unha cita consolidada no calendario do mus galego que este ano volvemos apoiar desde o Padroado de Deportes. Esperamos un día de grande ambiente e competencia deportiva", salientou Santalla.
A proba espera reunir entre 45 e 50 parellas procedentes das catro provincias galegas e tamén de Asturias e León. O sistema de competición establece partidas ao mellor de sete xogos —gañar catro—, con eliminación ao perder tres no Grupo B.
Os premios, condicionados ao número de parellas participantes, inclúen para o primeiro clasificado, ademais do trofeo e o xamón, a praza para o Máster Nacional de Mus, que este ano se celebra en Oviedo, con hotel incluído. Os finalistas e o campión do Grupo B obterán a clasificación para o Campionato Galego de Mus 2026, que terá lugar na provincia de Lugo. A inscrición está fixada en 25 euros por xogador.