A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou a obra xunto co director da mesma, Luis Ramos
Narón, 19 de febreiro de 2025. O Auditorio municipal acollerá este domingo, coincidindo coa conmemoración do Día de Rosalía, a representación da obra “Campanas de Bastabales”, da compañía Imaxina-T, do colectivo Celeuma Espazo Alternativo. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o director do espectáculo, Luis Ramos, presentaron hoxe a estrea desta peza teatral. A representación dará comezo ás 18:00 horas e a entrada é de balde, tal e como anunciaron.
As actrices Xoana Rodríguez, Fernanda M. Sixto e Nerea Acebo darán vida ás personaxes de Rosalía, Silvina e Alessandra, respectivamente e María Serantes (“La Tata”) tamén forma parte do elenco desta peza teatral, concretamente na parte musical. A historia parte da morte da recoñecida poetisa galega Rosalía de Castro, cuxa presencia segue presente na súa casa. A súa filla Alessandra e a rapaza que as coidaba, Silvina, teñen que recoller as súas pertenzas e queimar todos os seus escritos, como ela mesma lles pediu, pero a filla localiza o diario da súa nai e cartas que descobren moitos segredos…
“No ano 2001, cando se creou Celeuma como asociación é cando nace esta compañía de teatro e con este espectáculo, como un proxecto de Narón e para Narón”, apuntou Ramos. Así mesmo, explicou que esta obra é un traballo actualizado “pola dinámica do espectáculo, que parte dunha labor de investigación feita no seu día, documentándonos na Casa de Rosalía e cambiando o texto sobre algúns apartados que queriamos engadir no espectáculo”. Todo isto, apuntou, para “dar un enfoque máis intimista da vida de Rosalía”.
Dende o consistorio animaron á cidadanía a acudir a ver esta peza teatral nun día tan sinalado, no que se conmemora o pasamento da nosa escritora máis universal, dunha das figuras máis importantes da cultura galega. “Este ano cúmprense 188 anos do nacemento de Rosalía de Castro e por iso quixemos programar esta estrea na cidade, a maiores doutras actividades que se levarán a cabo na Biblioteca municipal, como o espectáculo “Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos…" este sábado e a mostra bibliográfica adicada á súa persoa que se pode ver toda esta semana”. Finalmente, a rexedora local destacou o traballo realizado dende Celeuma en xeral e a súa aportación ao tecido cultural da cidade en particular e da comunidade en xeral.