Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A MÚSICA DE MONOULIOUS DOP, THE LOCOS, SHUGR´BAND, TANDUB, RESHUVA, SHAKE E LA REGADERA AMENIZARÁ ESTE ANO O GULLIVER FEST
As diferentes propostas sucederanse do 7 ao 10 de agosto na área recreativa de Pedroso
Narón, 13 de xuño de 2025. A sexta edición do Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest, que se celebrará do 7 ao 10 de agosto na área recreativa de Pedroso, está a piques de pechar a súa programación ao completo. Coa ocupación das zonas de acampada e glamping practicamente ao cen por cento ao día de hoxe e a zona camper con tan só un centenar de prazas dispoñibles, a convocatoria pechou a maior parte das actuacións, con destacadas formacións e propostas como obradoiros, unha carreira de orientación, mercado, e food trucks, entre outras. Na primeira xornada, o xoves día 7, abrirase o recinto ás 16:00 horas para a zona camper, de acampada e glamping e ás 21:00 acudirá a discoteca móvil La Duendeneta. Na xornada do venres haberá xogos tradicionais, un obradoiro de identificación de minerais, charlas viaxeiras e poderase desfrutar das actuacións de Shugr´Band e Tandub, así como de La Duendeneta. O sábado continuarán as propostas da programación dende moi cedo, cunha sesión de ioga ás 9:00 horas e unha carreira de orientación a partir das 10:00 polas inmediacións da área recreativa. O teatro sobre rodas de Circanelo chegará de novo a Pedroso a mediodía e pola tarde, completándose as propostas a partir das 17:00 horas cun obradoiro de chapas do Gulliver Fest. Shake, La Duendeneta, Teshuva, que acompaña ao Gulliver na súa visita tradicional, e La Regadera encargaranse de amenizar a noite do sábado a partir das 21:30 horas. O domingo será o último día do festival, con propostas que se desenvolverán dende as 9:00 horas, cunha nova sesión de ioga, ata as 20:00 horas, co inicio da actuación de The Locos. Pola mañá haberá un obradoiro para nenas e nenos, coa temática dos retratos e haberá tamén teatro, ao mediodía e a actuación de Batukada Latexo. Pola tarde, ás 16:30 haberá propostas para o público infantil, concretamente un concerto, a cargo de Gramola Gominola e a partir das 18:00 horas actuará Monoulious Dop, cabeza de cartel do festival xunto con The Locos. Os concertos programados, así como a maior parte das actividades (obradoiros) e outros espectáculos como o circo, xogos tradicionais, as charlas viaxeiras, o espazo co que contará a Biblioteca municipal… son abertos á cidadanía en xeral, tal e como se recordou. Tan só se abrirán inscricións para propostas que, por temas organizativos, así o requiran, como a carreira de orientación e as sesións de ioga. O Concello e a Asociación Furgo Galicia organizan esta nova edición do Gulliver Fest, que cada ano acada un maior número de público.

<<< Xuño 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
naron.gal