A ALCALDESA ENTREGOU OS DIPLOMAS DE DÚAS ACCIÓNS FORMATIVAS DO PROGRAMA MUNICIPAL DE FORMACIÓN
A rexedora local, Marián Ferreiro, acudiu ao acto acompañada pola edil de Formación, Natalia Hermida
Narón, 16 de xullo de 2025. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Formación, Natalia Hermida, entregaron no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, os diplomas correspondentes a dúas accións formativas do Plan Municipal de Formación. Alumnado dos cursos de Reposición, caixa e sección supermercados, e de Carretillas e plataformas elevadoras con certificado UNE –deste último realizáronse dúas edicións- recibiron o certificado que acredita que remataron os citados cursos.
No caso do curso de Reposición, caixa e sección supermercados, desenvolveuse entre maio e xullo deste ano, rematando o pasado día 9, e o de Carretillas e plataformas elevadoras con certificado UNE levouse a cabo unha edición de maio a xuño deste ano e outra dende xuño ata xullo, cun total de dez prazas cada unha das edicións.
A alcaldesa interesouse ante o alumnado polo resultado destas accións formativas, valorando o feito de que as rematasen e destacando que incluso nalgúns casos, xa se formalizasen contratos laborais tralo remate do curso. Así mesmo, animou aos participantes a continuar formándose e aproveitar o programa e os servizos municipais específicos desta área, ofrecendo unha gran variedade de cursos ao longo do ano e tamén asesoramento en materia de emprego.