O PRAZO PARA RECOLLER OS CONVITES DO CONCERTO DE PERICO SAMBEAT E INSCRIBIRSE NA VISITA MUSICADA AO CIMIX ABRIRÁ MAÑÁ
As dúas propostas forman parte da programación na cidade do festival Jazz de Ría, para os días 15 e 16 de agosto
Narón, a 31 de xullo de 2025- O festival Jazz de Ría vai quentando motores a 15 días do comezo da súa novena edición que arrancará no Pazo da Cultura de Narón co concerto de Perico Sambeat e para o que a partir de mañá venres 1 de agosto xa se poderán retirar os convites na billeteira do Pazo ou reservar chamando por teléfono e recollelos o mesmo día do concerto programado para o venres 15 de agosto.
Perico Sambeat, un dos saxofonistas e compositores de jazz máis respectados no panorama estatal, chegará a Narón despois de actuar nos mellores festivais e auditorios do mundo, para presentarlle ao público do Jazz de Ría o seu último álbum, Roneando, no que emprende unha viaxe sonora cara o flamenco que demostra a súa habilidade para explorar novos camiños enredando o jazz con bulerías, tanguillos, alegrías e seguidillas, acompañado por un quinteto de elite integrado por destacados músicos españois.
Participar na visita musicada do CIMIX
Tamén desde mañá será posible inscribirse na visita musicada programada para o sábado 16 ás 11:30 h. no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX), onde na compañía das guías do centro farase un percorrido pola que foi a fábrica de fariñas máis importante do século XVIII; unha viaxe ao pasado industrial de Narón a través da historia do emprendedor Jean Lestache, figura clave no desenvolvemento da comarca no período da Ilustración. E entre a maquinaria dos muíños o público poderá gozar da música do acordeonista Fran Trashorras e o saxofonista Ismael Cives, que achegarán ao jazz melodías da música popular, nun perfecto diálogo co espazo e a historia. A participación é de balde previa inscrición desde a web do festival www.jazzderia.gal.
Apuntarse para construír un xilófono xigante
E tamén a través da web e de forma gratuíta as familias poderán inscribir ás crianzas de entre 4 e 12 anos que queiran participar no obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo da Escola da Vaca o sábado 16 a partir das 17:00 h. no Parque Freixeiro. Este ano fabricarán un xilófono xigante circular empregando botellas de auga de distintos tamaños nunha dinámica que une creatividade e sensibilización arredor da gran cantidade de lixo que xeramos.
A estas tres citas únense un bo feixe de actividades e concertos que do 15 ao 19 de agosto converterán a Costa Ártabra nunha cita obrigada para amantes das experiencias musicais en contornas únicas: un vermú swing, un paseo sonoro, un obradoiro de podcast colaborativo guiado polo espazo musical Ábrete de orellas, e un roteiro a través das paisaxes acantiladas dos Balcóns ao Atlántico con Xurxo Souto como narrador de memorias musicais da comarca completan un programa que contará con escenarios en Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño onde o público terá a oportunidade de adentrarse nas descubertas musicais de Alba Armegou, Diego Alonso 5tet Nihil, Trilitrate ou Copos de Avena e de ver actuar a artistas consagrados como Sumrrá, o Coro da Ra ou Xan Campos presentando por primeira vez temas cantados para os que conta coa voz de Faia Díaz
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, a través do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).