Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
XOSÉ A. TOURIÑÁN, LOLA HERRERA, ANTONIO DURÁN "MORRIS", XABIER DÍAZ, UN MUSICAL INFANTIL E UN FESTIVAL INTERNACIONAL DE ILUSIONISMO, ENTRE A PROGRAMACIÓN DE FINAIS DE ANO NO PAZO
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a variedade e calidade da programación
Narón, 8 de agosto de 2025. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, deu a coñecer a programación do Pazo da Cultura para o último cuadrimestre do ano. Unha variedade de espectáculos teatrais, musicais de danza e maxia dirixidos a persoas de todas as idades e cuxas entradas, tal e como avanzou, se porán á venda para o público xeral a partir de mañá sábado na billeteira do Pazo. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, Lola Herrera e Natalia Dicenta, Antonio Durán “Morris”, Xabier Díaz e Iolanda Muíños, entre outros, subiranse ao escenario do Pazo entre os meses de setembro e decembro deste ano. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou a través da web: www.padroadodecultura.es. A programación das citadas instalacións retomarase o 13 de setembro coa comedia “Noites de retranca”, o sábado 13 ás 20:00 horas, un espectáculo protagonizado por Oswaldo Digón, Federico Pérez e Quico Cadaval. O día 21 poderase ver a presentación do disco Daydreaming, de María López -19:00 horas-, música instrumentista de Narón e todo un referente na música tradicional galega, con colaboracións con Carlos Núñez, Susana Seivane e Bellón Maceiras, entre outros. Na xornada do 27 regresarán ao Pazo -21:00 horas- Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, con Somos criminais e punto final, un dos proxectos con máis éxito no teatro galego das últimas décadas. No mes de outubro, os días 3 e 4 –ás 20:30 e 20:00 horas respectivamente- representarase a obra Un deus salvaxe, con María Ordóñez e Dani Trillo entre o elenco duns matrimonios que teñen que resolver un incidente dos seus fillos. O día 11 regresa o teatro con Me llamo Suleimán -20:00 horas-, protagonizado por Marta Viera e que se centra na emigración clandestina entre África e España e os días 17 e 18 -20:30 e 20:00 horas, respectivamente- poderase ver a peza de teatro contemporáneo El camiño a la Meca, unha historia sobre os desafíos da arte e a liberdade individual cun elenco do que forman parte Lola Herrera e Natalia Dicenta. As dúas últimas propostas de outubro serán o día 24 -20:30 horas- cun concerto de música pop e indie a cargo de Alondra Bentley, nada en Reino Unido e afincada en España, que presentará La materia, e o día 25 -20:00 horas- coa comedia Apaga o candil, de Cándido Pazó e coa que se lembra a figura de Carlos O Xestal, reivindicando a riqueza da tradición oral e a memoria rural. En novembro poderase ver no Pazo os días 7 e 8 1936 -20:00 horas-, unha obra de teatro contemporáneo sobre a Guerra Civil que ofrece unha perspectiva vital para lembrar de onde vimos. O venres 14 -21:00- a música rock chegará da man dun concerto de tributo a Queen, Queen is back, de Tertulia Producción e o sábado 15 representarase a comedia Non pasarán -20:00-, que se desenvolve nunha zona sacudida por unha vaga de incendios provocados por unha organización descoñecida. O día 20 será o turno da danza clásica -20:30-, con El lago de los cisnes, considerada a obra mestra máis espectacular do repertorio de danza clásica, e o 22 o teatro contemporáneo chegará coa representación de A metamorfose -20:00-, con Fernando Dacosta e Sabela Gago entre o elenco. As últimas propostas do mes de novembro cun concerto de música folk pop o día 28 -20:30- de Club del río, con Canciones inestimables, música con varias influencias e o día 29 –ás 20:00- poderase ver a comedia Mofa e Befa: os dous de sempre. O regreso, dirixida por Quico Cadaval e con Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira no elenco artístico. Os días 5 e 6 de decembro estrearase a peza de teatro contemporáneo Manual de patronaxe -20:30 e 20:00 horas respectivamente- con Iolanda Muíños, Susana Sampedro e María Roja, unha reivindicación sobre momentos importantes da nosa vida. Na xornada do 13 regresará a música con Xabier Díaz, que presentará o seu disco Axúdame a sentir -20:00- e o 18 e o 20 continuará a música co concerto Michael Jackson happy days, de The South Carolina Gospel Chorale -20:00- e o musical infantil Ohana -18:00-. A música, co tradicional concerto de Fin de ano a cargo da Asociación Cultural Musical Sementeira o día 27 de decembro -19:30- e a maxia, co festival internacional de ilusionismo Galicia Magic Fest, o día 29 -20:30- pecharán a programación deste ano no Pazo da Cultura. Ferreiro destacou “a gran variedade de propostas que unha vez máis se suman á programación do Padroado da Cultura, co fin de abarcar un amplo abano de opcións dirixidas a persoas de todas as idades, cunha gran presenza de actores, actrices e profesionais da música galegos co fin de contribuír tamén á difusión do excelente traballo que se realiza nesta comunidade no ámbito cultural”.

<<< Agosto 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal