O curso 2025-2026 desenvolverase do 1 de outubro deste ano ao 31 de maio de 2026
Narón, 10 de setembro de 2025. O Padroado da Cultura manterá aberto ata o vindeiro 20 de setembro o o prazo de inscrición nas Escolas Culturais Municipais. Así o recordou a alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, indicando que os trámites deben realizarse nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 e de 17.00 a 19.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00. O período lectivo para o curso 2025-2026 será dende o 1 de outubro ata o 31 de maio de 2026.
A través das Escolas Tradicionais pódese elixir entre clases de Danza tradicional, Canto e pandeireta (a partir de 5 anos); Gaita, Percusión tradicional (a partir de 6 anos); Acordeón, Zanfona (dende os 8 anos); Construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e, O Recuncho dos Pequechos (de 3 a 4 anos). A maiores, nas Escolas Artísticas hai as opcións de Debuxo (a partir de 6 anos) e Teatro (a partir de 4 anos) e na Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum. Outra das modalidades das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura é Bailes de salón (a partir de 4 anos), que ofrece baile de salón, baile deportivo, caribeños e danza coreográfica.
Os importes a abonar por cada curso son os establecidos na ordenanza fiscal vixente do Padroado da Cultura.