ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS TRES OBRADOIROS DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES QUE O CONCELLO OFERTARÁ DURANTE O CURSO 2025-2026
A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, informou que se poderán tramitar as inscricións ata esgotar as prazas dispoñibles en cada obradoiro
Narón, 24 de setembro de 2025. A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, informou da apertura do prazo de inscrición nos tres obradoiros que conforman as actividades extraescolares deste curso 2025-2026. A edil naronesa indicou que se trata das propostas: Escolas de familia, Reforza TIC e Sementando futuro, que darán comezo o vindeiro mes de outubro e rematarán en maio.
A través das Escolas de Familia ofértanse un total de 45 prazas, un máximo de 15 por grupo, contemplándose opcións para familias con menores escolarizados en educación infantil e primaria; as que teñen nenos/as escolarizados/as en ESO e Bacharelato e as das escolas infantís municipais. Trátase neste caso dun obradoiro educativo no que a través dunha profesional en educación as familias analizan e debaten temas vencellados á educación dos menores, a través de contidos como: a familia como espazo educativo, comunicación e resolución de conflitos, prevención de riscos dixitais, diversidade e inclusión… Poden inscribirse familias empadroadas no concello de Narón ou con fillos/as escolarizados/as en centros de ensino ou escolas infantís da cidade.
O obradoiro Reforza TIC ten un total de 48 prazas e diríxese a alumnado escolarizado en centros de ensino público de Narón que cursen educación primaria e derivado dos servizos de Orientación dos centros educativos. Introdución ao uso educativo das TIC, desenvolvemento de habilidades dixitais, técnicas de estudo e organización, traballo colaborativo e motivación… forman parte dos contidos a abordar nas sesións, que se impartirán na Casa da Mocidade, na Gándara.
A terceira das propostas é o obradoiro Sementando futuro, cun total de 16 prazas e diríxese a alumnado empadroado ou escolarizado en centros de ensino de Narón que estea cursando educación secundaria e derivado polo servizo sociocomunitario. Neste caso os contidos que se tratarán son o reforzo das competencias básicas, o desenvolvemento de habilidades sociais e persoais, a inclusión e participación, o apoio emocional e acompañamento… co obxectivo, entre outros, de previr o abandono escolar temperán e favorecer a integración social e emocional no centro educativo. As sesións impartiranse na Casa da Mocidade, na Gándara.
A concelleira de Ensino explicou que o prazo de inscrición nestes tres obradoiros permanecerá aberto mentres existan prazas vacantes. Poden tramitarse a través do Rexistro municipal, a Sede Electrónica de Narón ou calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.