A ALCALDESA DE NARÓN CHAMA AO COMPROMISO COLECTIVO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA NESTE 25N
Narón celebrou na tarde deste martes os actos centrais polo 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha homenaxe pública ás vítimas na Praza da Gándara.
A alcaldesa de Narón, acompañada de concelleiros dos catro partidos presentes no Concello, realizaron unha ofrenda floral diante do Monumento ás Mulleres seguida dun minuto de silencio.
Ao remate, a alcaldesa destacou a importancia de reforzar o compromiso colectivo contra as violencias machistas. “No que levamos de ano, 38 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas aquí, en Galicia. Cada unha destas vidas truncadas é un recordo doloroso do que aínda nos queda por conseguir: a violencia de xénero non ten xustificación posible”, dixo Marián Ferreiro.
A alcaldesa subliñou o papel da educación e da prevención para avanzar nun cambio real: “En Narón pensamos que avanzar na prevención, na educación e no compromiso coa igualdade é fundamental para eliminar a violencia machista”.
Este ano, Narón acolleu o acto central na comarca da Marcha Mundial das Mulleres, que celebrou este 25 de novembro coincidindo co seu 25 aniversario cunha performance coa problemática da vivenda de fondo e a lectura dun manifesto.