O PAZO DA CULTURA DE NARÓN ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA A ESTREA ABSOLUTA DE 'MANUAL DE PATRONAXE'
Narón convértese esta fin de semana na casa dos afectos. O Pazo da Cultura acolle a estrea absoluta de 'Manual de patronaxe', a nova creación de Teatro do Noroeste, que se representa o venres 5 de decembro ás 20:30 horas e o sábado 6 ás 20:00 horas.
Dirixida por Clara Gayo a partir do texto de Nerea Brey —gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia 2023—, a peza presenta unha autoficción na que unha escritora en crise creativa revisita a súa infancia para recoñecer na súa avoa modista un faro íntimo e decisivo. Así, 'Manual de patronaxe' expande un diálogo interxeracional que convida o público a reencontrarse coas súas propias raíces.
O elenco, formado por Iolanda Muíños, Raquel Espada e Susana Sampedro, sostén esta historia de afectos e memoria tecida con delicadeza. Completan o equipo a produción executiva de Eva Alonso, a escenografía e vestiario de Equipo Taetro, e o deseño de iluminación e proxeccións de César Seijas. En conxunto, dan forma a unha creación que reivindica, en clave feminista, os pequenos instantes que, a forza de pasar desapercibidos, compoñen o auténtico patrón da vida.
Para Eva Alonso, produtora do espectáculo, esta estrea “marca unha nova liña creativa en Teatro do Noroeste e simboliza un cambio xeracional que se está a construír con calma e coherencia”. Engade que o texto de Nerea Brey foi elixido “porque fala das coidadoras, das avoas que nos fixeron medrar, e porque reivindica a grandeza deses detalles que sosteñen a nosa memoria”.
As entradas para asistir á representación de 'Manual de patronaxe' están dispoñibles na web do Padroado da Cultura.