CHARLA EN NARÓN PARA ORIENTAR AS FAMILIAS NO ACCESO AO SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL
Este mércores 11 de febreiro, ás 17.00 horas, o Auditorio Municipal de Narón, situado na Praza de Galicia, acolle unha charla informativa sobre o acceso ao segundo ciclo de Educación Infantil nos centros públicos do municipio.
A iniciativa, organizada polo Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón, celébrase un ano máis co obxectivo de facilitar ás familias toda a información necesaria de cara ao proceso de escolarización do alumnado máis pequeno. A charla está dirixida a aquelas con nenos e nenas de 3 anos ou que cumpran esa idade ao longo do ano 2026, que accederán por primeira vez ao segundo ciclo de Educación Infantil.
Durante a xuntanza, na que participarán os directores e directoras dos centros públicos de ensino do municipio, explicaranse de maneira detallada os prazos de matrícula, que para o curso 2026-2027 permanecerán abertos do 1 ao 20 de marzo, así como os servizos educativos e complementarios cos que conta cada centro de ensino público e os seus respectivos proxectos curriculares. A sesión permitirá ás familias coñecer as características de cada colexio e resolver dúbidas antes de formalizar a solicitude de praza.
Ao remate do encontro, as persoas asistentes recibirán un folleto informativo no que se recollen os servizos que oferta cada centro de ensino público de Narón, así como información práctica sobre as plataformas municipais buscocole.naron.es e buscoactividade.naron.es, ferramentas deseñadas para apoiar as familias na planificación educativa e na conciliación.