ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NO CURSO DE COMPETENCIAS CLAVE DO PLAN DE FORMACIÓN MUNICIPAL
O Concello de Narón lembra que continúa aberto o prazo de inscrición para o curso de preparación de competencias clave de nivel 2, unha das accións formativas incluídas no Plan Municipal de Formación (PMF) 2026 e dirixida a persoas desempregadas do municipio.
Esta formación, cun total de 215 horas, permitirá ao alumnado adquirir os coñecementos necesarios para acceder a certificados de profesionalidade de nivel 2. O programa inclúe contidos de competencia matemática (70 horas), comunicación en lingua castelá (65 horas) e comunicación en lingua galega (65 horas), así como un módulo de orientación laboral, busca de emprego e emprendemento de 15 horas. Ademais, contempla a realización de dúas visitas a empresas ou recursos formativos e dúas charlas complementarias.
O curso desenvolverase no centro municipal de formación Irmás Froilaz, na Gándara, entre o 7 de abril e o 29 de maio, en horario de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres. En total ofértanse 20 prazas, reservándose un 20% para derivacións do Servizo Sociocomunitario. A selección do alumnado realizarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro, tendo prioridade aquelas persoas inscritas nas probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Xunta de Galicia para o acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2.
O curso está dirixido a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, aínda que no caso de non cubrirse todas as prazas poderán acceder persoas doutros concellos por orde de inscrición.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 27 de marzo ás 13:30 horas. As inscricións poden formalizarse no Rexistro Xeral do Concello de Narón, a través da sede electrónica municipal ou polos restantes medios previstos na normativa vixente.
As persoas admitidas deberán acreditar antes do inicio do curso a súa condición de demandantes de emprego mediante a correspondente tarxeta actualizada. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web municipal ou contactar co Servizo Sociocomunitario no teléfono 981 33 77 00.