A ESCOLA DE BENESTAR DE NARÓN ABORDA EN ABRIL A SAÚDE MENTAL E O IMPACTO EMOCIONAL DA ENFERMIDADE EN DÚAS CONFERENCIAS ABERTAS Á CIDADANÍA
O Concello de Narón continúa este mes de abril coa programación da Escola de Benestar, unha iniciativa orientada á promoción da saúde integral da cidadanía, con especial atención ao benestar emocional e á prevención.
Martes, 14 de abril de 2026. A primeira das citas terá lugar este sábado 18 de abril, ás 11.00 horas, no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro. Baixo o título “Estamos peor agora?”, o psiquiatra xubilado Rogelio Pérez Varela ofrecerá unha análise sobre a evolución da psiquiatría ao longo do tempo, desde os seus enfoques máis clásicos ata as correntes actuais. A conferencia permitirá reflexionar sobre como mudou a percepción social da saúde mental, o aumento dos diagnósticos nas últimas décadas e os desafíos de futuro, como a medicalización ou a necesidade de reforzar os recursos asistenciais.
A segunda sesión desenvolverase o sábado 25 de abril, tamén ás 11.00 horas, no Centro Cívico Social da Solaina, en Santa Icía. Neste caso, a psicóloga Rosalía Fernández Gómez, da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), será a encargada de impartir a conferencia “Prevención e aspectos emocionais en procesos de enfermidade”. A relatora afondará no impacto psicolóxico que teñen as doenzas, tanto nas persoas diagnosticadas como na súa contorna, incidindo na importancia da detección temperá do malestar emocional, o apoio social e as ferramentas para afrontar situacións de vulnerabilidade.
Ambas propostas enmárcanse nun enfoque práctico e divulgativo, co obxectivo de achegar coñecementos útiles á vida cotiá e favorecer a participación activa da veciñanza. As actividades son de balde e con entrada libre ata completar a capacidade.
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, subliñou que “a Escola de Benestar é unha ferramenta clave para achegar á cidadanía información rigorosa sobre cuestións que afectan directamente á súa saúde física e emocional”. Neste sentido, destacou que “programacións como a deste mes permiten abrir espazos de diálogo sobre a saúde mental e o impacto das enfermidades, contribuíndo a reducir estigmas e a mellorar a capacidade de afrontamento das persoas”.
Lorenzo animou a veciñanza a asistir a estas conferencias e participar activamente nelas, incidindo en que “contar con profesionais cualificados que abordan estas temáticas desde unha perspectiva accesible é fundamental para seguir avanzando cara a unha comunidade máis informada e saudable”.