Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DE NARÓN ABRE INSCRICIÓNS PARA UN NOVO CURSO GRATUÍTO DE PREPARACIÓN E COCIÑADO DE PEIXE
A formación no sector pesqueiro suma unha nova oportunidade en Narón coa posta en marcha dun novo curso de “Preparación e cociñado de peixe”, financiado con Fondos Europeos e a colaboración da Consellería do Mar.
Mércores, 29 de abril de 2026. A acción formativa, de carácter gratuíto, está orientada a persoas desempregadas e busca mellorar a cualificación profesional nun ámbito con saída laboral na comarca. A formación desenvolverase entre o 14 de maio e o 10 de setembro de 2026, cun total de 415 horas —400 lectivas e 15 de módulos transversais— e combinará contidos teóricos, prácticos e prácticas profesionais non laborais en empresas do sector. O curso impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e nas instalacións das empresas colaboradoras. Durante a fase inicial, o alumnado asistirá en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres, mentres que o período de prácticas adaptarase ás dinámicas das empresas. O programa inclúe formación en hixiene alimentaria e prevención de riscos laborais, así como coñecementos específicos sobre identificación, conservación e tratamento de peixes e mariscos. Ademais, abordaranse técnicas de fileteado, desespiñado e elaboración culinaria, xunto con nocións de xestión empresarial no ámbito do produto mariño. A maiores, incorporaranse módulos de orientación laboral, emprendemento, igualdade, sustentabilidade e novas tecnoloxías aplicadas á profesión. O curso oferta 15 prazas, das que un 20% estarán reservadas a persoas derivadas do Servizo Sociocomunitario. Poderán participar persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, aínda que tamén se admitirán solicitudes doutros concellos no caso de quedar vacantes. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 7 de maio, podendo formalizarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou polos medios establecidos na normativa vixente. A selección do alumnado realizarase por rigorosa orde de inscrición. Desde o Concello subliñan que esta iniciativa busca reforzar a capacitación profesional nun sector con demanda de man de obra cualificada, ao tempo que se promove a inserción laboral e o desenvolvemento económico local. As persoas interesadas poden obter máis información na web municipal ou a través do Servizo Sociocomunitario, no teléfono 981 33 77 00 (extensións 1108 e 1109).

<<< Abril 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30  
Eventos do Concello
naron.gal