Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE NARÓN PROGRAMA FOTOGRAFÍA EXPERIMENTAL E TEATRO SOCIAL
A Biblioteca Municipal de Narón convértese en punto de encontro para as artes, con dúas propostas que abordan desde ángulos distintos a creación contemporánea: a exposición fotográfica “Tebasaki e sake morno”, de Carolina Martínez Rodríguez, e a presentación de “Non son modos”, a última obra de teatro de J. L. Graña Muíño.
Mércores, 13 de maio de 2026. Desde este próximo luns 18 e ata o 30 de maio, a sala multiusos da biblioteca acolle “Tebasaki e sake morno”, un proxecto fotográfico de Carolina Martínez Rodríguez (Narón) elaborado entre 2023 e 2025. A mostra está composta por 24 pezas que mesturan fotografía con técnicas tradicionais xaponesas como o shibori e o gyotaku sobre soporte téxtil, presentadas en estruturas de bambú que evocan os noren da cultura xaponesa. Un vídeo e un texto completan a mostra. O proxecto xira arredor do desexo como eixo temático, e foi construído a partir dun proceso de traballo en forma de diario: rexistros persoais que, tras un período de distancia e investigación, foron reorganizados ata conformar o discurso expositivo. Para Martínez Rodríguez, a exposición representa ademais un punto de inflexión na súa traxectoria ao integrar novas técnicas e soportes. A autora subliña que presentar a obra nunha biblioteca pública responde á súa vontade de garantir un acceso aberto e universal á creación contemporánea. A exposición pode visitarse de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. A autora ofrecerá unha visita guiada o xoves 28 de maio ás 19:00 horas, na que o público poderá coñecer a obra da súa man. Para participar será necesario inscribirse previamente na biblioteca. O mércores 20 de maio, ás 18:30 horas, a biblioteca acolle a presentación de “Non son modos”, a última obra de J. L. Graña Muíño, editada por Medulia Editorial. A peza é un texto teatral que reflexiona arredor das dificultades da convivencia, coa saúde mental como fío condutor e botando man dunha metáfora cromática para explorar a diversidade, os equilibrios nas relacións e os riscos de non recoñecer as propias limitacións. O autor, nado en Cerdido (A Coruña) en 1955, conta cunha longa vinculación ao ensino e ao mundo escénico, con publicacións que abranguen narrativa, teatro e poesía. No acto estará acompañado polo actor Brais Rey e a mestra Verónica Boutureira, e o acto incluirá a representación dunha escena da propia obra, o que permitirá ao público achegarse de forma directa ao texto antes do diálogo posterior. Ao remate, os asistentes poderán adquirir un exemplar.

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal