Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A FESTA DO MARISCO DE BARALLOBRE DOBRA A APOSTA NO PASEO DE XUVIA CON DOUS DÍAS DE GASTRONOMÍA, REGATAS, MÚSICA E ARTESANÍA
A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre celebra os próximos 13 e 14 de xuño a II Festa do Marisco no paseo marítimo de Xuvia, en colaboración co Concello de Narón e o Club de Remo Narón.
Martes, 19 de maio de 2026. Na presentación do evento este martes participaron o presidente da Confraría, Jorge López; o presidente do Club de Remo Narón, Bruno Vidal, e a concelleira de Festas do Concello de Narón, Mar Gómez. A festa, que o ano pasado se celebrou nunha única xornada, amplíase este ano a dous días cunha programación que medra con máis gastronomía, música en directo, regata de bateis, atraccións infantís e un mercado de artesanía e degustacións culinarias gratuítas. Segundo explicou Jorge López, habilitarase unha carpa no paseo marítimo de Xuvia con capacidade para 1.100 persoas, na que se poderán degustar, entre outros productos, ameixas, zamburiñas, navallas e a paella de Barallobre, elaboradas con produto local dos bancos marisqueiros da confraría. O sábado 13 haberá servizo de xantar —a partir das 13.00 horas— e cea —a partir das 20.30 horas—. O domingo 14 a festa concentrarase na xornada de xantar. López destacou o valor do produto local: "Son produtos de quilómetro cero, sostibles, e cremos que é importante que os veciños de Narón e dos concellos de ao redor os coñezan e os valoren". Nunha segunda carpa da Deputación da Coruña instalaranse os postos do mercado de artesanía, e realizaranse as degustacións gastronómicas, abertas a grupos de ata 30 persoas por pase, con tres quendas: ás 11.30, ás 13.30 e ás 19.00 horas. As persoas asistentes ao evento contarán ademais cunha sobremesa sorpresa. A festa estará amenizada por actuacións musicais: o sábado pola noite actuará Jorge Latino e o domingo o grupo A Promesa animará a xornada de xantar. A regata de bateis, organizada polo Club de Remo Narón, celebrarase o sábado a partir das 16.30 horas e contará coa participación das categorías alevín, infantil, cadete e junior, tanto en masculino como en feminino. Ao remate das probas haberá entrega de trofeos. A concelleira de Festas, Mar Gómez, puxo en valor o apoio municipal a este tipo de iniciativas: "Festas como esta son as que nos axudan a apreciar o noso patrimonio gastronómico e a nosa cultura mariñeira. Estamos moi contentos de colaborar coa Confraría de Barallobre e co Club de Remo Narón para que os veciños e veciñas de Narón, e tamén as persoas que se acheguen de fóra, poidan gozar dunha fin de semana especial no paseo de Xuvia". A Confraría Santiago Apóstol de Barallobre conta con bancos marisqueiros que se estenden desde a rampa da Faísca, no Couto, percorrendo Xuvia ata a rampa do Seixo, en Fene. Dende o Concello de Narón animan a cidadanía a participar nesta festa e a descubrir os produtos do mar que ofrece o municipio.
Descarga de archivos
Tamaño:441,54 KB

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal