Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ACORDO HISTÓRICO ENTRE NARÓN E FERROL PARA GARANTIR UN REPARTO XUSTO E CONTROLADO DOS GASTOS DE DEPURACIÓN DA AUGA
Establece que Narón pagará en función dos caudais reais vertidos ao sistema, poñendo fin a anos de incerteza xurídica e económica.
Xoves, 11 de xullo de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, anunciaron este xoves a sinatura dun convenio histórico que rexerá a colaboración interadministrativa entre os dous concellos para a xestión do servizo de depuración de augas. O acordo pon fin a unha etapa prolongada de discrepancias e litixios que, durante anos, impediu establecer un marco estable e verificable para o reparto dos custos dun servizo compartido. "Este acordo supón un paso importante para Narón porque achega seguridade, transparencia e xustiza a un servizo esencial como é a depuración das augas. Durante anos defendemos que o reparto dos custos debía basearse en criterios obxectivos e verificables, e hoxe conseguimos que o pagamento se realice en función dos caudais reais vertidos por cada concello", declarou Ferreiro, que concluíu agradecendo "a disposición ao diálogo e ao entendemento institucional que fixo posible este acordo. Cando as administracións colaboran con lealdade e sentido común, quen gaña son os veciños e veciñas de Narón e Ferrol". Pola súa banda, o alcalde de Ferrol salientou que o acordo achega "trazabilidade e seguridade xurídica", e que "os importes estarán sustentados en datos obxectivos e cada responsabilidade estará claramente definida". Rey Varela subliñou que o acordo é o resultado de "escoller a vía do diálogo, porque entre administracións que comparten infraestruturas, intereses e responsabilidades, o entendemento é obrigatorio". O documento, que se prevé asinar este mesmo mes, fixa que Narón pagará en función das porcentaxes reais de vertido ao sistema, eliminando así as estimacións discutibles que alimentaron o conflito. Desde xaneiro de 2026, calcularase un custo unitario por metro cúbico a partir dos custos totais do servizo e dos volumes rexistrados polos caudalímetros, e as liquidacións serán trimestrais. O texto incorpora ademais mecanismos de medición, documentación de custos, regularizacións e límites económicos, e prevé unha comisión de seguimento que garantirá o control por ambas as partes. O convenio a asinar inclúe tamén a regularización do período anterior, pechando así de forma ordenada unha etapa marcada pola ausencia dun marco acordado entre as dúas administracións. Con este acordo, Narón sabe o que paga, por que o paga, como se calcula e cales son os límites, garantindo a sostibilidade financeira do servizo para o futuro.

<<< Xuño 2026 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
naron.gal