A CARREIRA ANDADURA CIDADE DE NARÓN CELEBRA A SÚA SEGUNDA EDICIÓN O 18 DE XULLO NA RÚA PANADEIROS
A xornada inclúe carreiras de andadura chapeada e serrada, concurso de estampa e beleza e paseo infantil, con máis de 450 euros en premios.
Luns, 29 de xuño de 2026. A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou este luns xunto ao presidente da Asociación Cabaleiros de Narón, Diego Díaz Ramos, a segunda edición da Carreira Andadura Cidade de Narón, que terá lugar o próximo 18 de xullo na rúa Panadeiros, fronte ao almacén de Lidl, no Polígono do Río do Pozo.
A xornada dará comezo ás 9:30 horas coa apertura do evento e, media hora despois, coa medición dos cabalos participantes, un trámite previo necesario para encadrar cada animal na súa modalidade. As carreiras principiarán ás 11:00 horas coa proba de andadura chapeada para exemplares de menos de 1,50 metros, á que seguirá, ao mediodía, a andadura serrada na mesma categoría de alzada. Ao remate, ás 13:00 horas, chegará o concurso de estampa e beleza, antes de parar para o xantar.
Pola tarde, a partir das 16:00 horas, retomarase a actividade coa carreira de andadura sub 16, pensada para os xinetes máis novos. Ás 17:00 horas terá lugar o paseo infantil, no que todos os participantes recibirán un agasallo, e a tarde continuará coas probas de andadura chapeada e serrada para cabalos de máis de 1,50 metros, ás 18:00 e ás 19:00 horas respectivamente. A xornada pechará arredor das 20:00 horas coa entrega de premios.
Díaz Ramos lembrou que os horarios das distintas carreiras "poden variar en función do número de participantes inscritos en cada modalidade", polo que recomenda ás persoas interesadas en asistir consultar as actualizacións que se vaian publicando nos días previos.
A proba repartirá máis de 450 euros en premios. Nas carreiras, o primeiro clasificado recibirá 200 euros e trofeo, o segundo 150 e trofeo, e o terceiro 100 e trofeo. No concurso de estampa e beleza haberá premio de 100 euros e trofeo tanto para a mellor egua como para o mellor cabalo, ademais dun trofeo para o xinete máis novo.
A inscrición para as carreiras estará aberta ata o mércores 15 de xullo, ás 21:00 horas, cubrindo o formulario correspondente e enviándoo ao correo asociacioncabaleirosnaron@outlook.es, ou ben a través de WhatsApp a calquera dos teléfonos de información, onde tamén se facilita a folla de inscrición: Diego (677 19 31 77), Aitor (686 66 04 98) ou Dani (635 98 19 57).
A organización lembra que o uso do casco é obrigatorio en todas as probas e que todos os xinetes deberán presentarse antes das súas respectivas carreiras para verificar a inscrición. O seguro de responsabilidade civil é obrigatorio, e a decisión do xurado será inapelable. Ademais, non se permitirá ningún tipo de maltrato animal nin o uso de correas ou añellos: ante a mínima dúbida, o xinete quedará descualificado.
Como complemento á xornada deportiva, haberá servizo de xantar con polbo e churrasco a prezos populares, gratuíto para os socios e socias da asociación. Mar Gómez destacou o labor desta entidade veciñal e o apoio do Concello a este tipo de iniciativas, que contribúen a fomentar a afección polo mundo do cabalo e a diversificar a oferta de actividades de lecer no municipio durante o verán.