Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PECHA A CAMPAÑA "NARÓN ADESTRA EN IGUALDADE" CUN BALANCE POSITIVO ENTRE AS ENTIDADES DEPORTIVAS
O 90% das asociacións consultadas valora con 4 ou 5 puntos sobre 5 esta iniciativa municipal contra a violencia machista no deporte.
Xoves, 2 de xullo de 2026. O Concello de Narón finalizou a campaña "Narón Adestra en Igualdade", posta en marcha para loitar contra a violencia machista no ámbito deportivo, cun agradecemento expreso ás case trinta entidades e clubs do municipio que se sumaron ao proxecto coa súa participación e implicación. O goberno local destaca ademais as suxestións recibidas por parte destas entidades para seguir avanzando cara á igualdade total, tanto no deporte como no conxunto da sociedade. A valoración da iniciativa apóiase nunha enquisa final na que participaron 20 entidades deportivas do concello, cuxos resultados amosan un alto grao de satisfacción. O 90% das persoas consultadas outorgoulle 4 ou 5 puntos á campaña, sendo 5 a puntuación máxima, mentres que o 80% considera que se abordou un problema realmente relevante para o ámbito deportivo. En canto ao impacto formativo, o 80% recoñece que o seu coñecemento sobre a violencia machista no deporte aumentou moito ou bastante grazas á campaña, e un 85% asegura contar agora con moita ou bastante máis información sobre os recursos dispoñibles para as vítimas. Malia estes datos positivos, o 70% das entidades considera que aínda ten marxe de mellora á hora de instaurar medidas de prevención contra a violencia machista no seu seo, fronte a un 30% que estima que xa as ten cubertas. Ao longo do mes de xuño, o Concello mantivo contacto directo coas asociacións deportivas do municipio para facerlles chegar o material da campaña, ademais de organizar o acto simbólico de colocación dunha lona no pavillón municipal da Gándara. O acto, presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e os concelleiro de Deportes e Igualdade, Ibán Santalla e María Lorenzo, contou coa asistencia de clubs como Kickboxing Narón, Club Xadrez, Hockey Narón, SPD Río Xuvia, Balonmán Narón, Club Cidade de Narón, Club Deportivo Narón, a Escola Superior de Kárate de Narón e AD Judo Ferrolterra, entre outras entidades adscritas ao protocolo de colaboración, que xa suma preto de trinta asinantes. "Esta campaña naceu para converter os nosos clubs e pavillóns en espazos seguros, e os resultados da enquisa confírmannos que imos polo bo camiño, aínda que sabemos que queda traballo por facer", sinala o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla. "Cando un club decide sumarse a este protocolo está a mandar unha mensaxe moi clara. No deporte non hai sitio para a violencia machista. Os datos desta enquisa confírmannos que a campaña caeu en terreo fértil, e o compromiso de case trinta entidades é o mellor aval para seguir traballando pola igualdade real dentro e fóra das pistas", asegura a concelleira de Igualdade, María Lorenzo. Entre as suxestións recollidas para futuras edicións, as entidades reclaman máis divulgación nos centros educativos e deportivos, xornadas de formación máis didácticas e participativas adaptadas aos distintos perfís —directivos, adestradores e deportistas—, así como a posibilidade de incorporar aos mozos e mozas dos clubs nestas accións de sensibilización.
Descarga de archivos
Tamaño:186,91 KB

<<< Xullo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal