O Concello de Narón e ASCM convocan unha nova edición do Entroido de Verán, con concurso de disfraces e pasarrúas polo barrio.
Luns, 6 de xullo de 2026. A concelleira de Festas de Narón, Mar Gómez, presentou este luns, xunto coa presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, e os membros da Comisión de Festas da Gándara Jesús Doce e Ángel Gómez, o Entroido de Verán, que se celebrará o luns, día 27 de xullo, na Praza da Gándara.
A cita está organizada pola ASCM co apoio do Concello de Narón e da Comisión de Festas da Gándara, cuxos membros colaboran activamente na organización do Día do Neno, actividade incluída dentro da programación das Festas de Santiago Apóstol.
A xornada dará comezo ás 17.00 horas co Día do Neno, e dará paso, xa dende as 18.30 horas, á concentración e inscrición no concurso de disfraces do Entroido de Verán. Ás 19.00 horas terá lugar o tradicional pasarrúas polo barrio, no que se anima a veciñanza a participar disfrazada e a sumarse ao ambiente festivo desta convocatoria. A entrega de premios do concurso de disfraces pechará o programa ás 20.30 horas.
Mar Gómez felicitou a ASCM e a Comisión de Festas da Gándara por manter esta convocatoria un ano máis na tempada estival, e destacou que se trata dunha proposta inclusiva e con carácter interxeracional, pensada para gozar dunha xornada de Entroido no verán e animar de novo as rúas da cidade, neste caso do barrio da Gándara.