O GULLIVER FEST ARRINCA ESTE XOVES CON ÉXITO DE OCUPACIÓN E ESTREARÁ O SÁBADO A SÚA CANCIÓN OFICIAL
A sexta edición do Gulliver Fest comeza este xoves en Pedroso cun excelente ritmo de participación, reflectido na práctica ocupación total das prazas de acampada e camper. O festival ofrecerá ata o domingo unha ampla programación gratuíta para todos os públicos e incorporará este ano unha novidade especial: a estrea da súa canción oficial.
Narón, 4 de agosto de 2026.- O Gulliver Fest ultima os preparativos para a súa sexta edición, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto na área recreativa de Pedroso, consolidándose como unha das citas de referencia da cultura viaxeira. O festival chega ao seu inicio cun excelente nivel de ocupación nas prazas ofertadas para a zona de acampada e camper, da que só quedan dispoñibles as últimas entradas.
Durante catro días, o público poderá gozar dunha programación gratuíta para todas as idades que combina música, teatro, charlas, actividades infantís, propostas deportivas e obradoiros, nun encontro organizado polo Concello de Narón, a través dos Padroados de Cultura e Deportes, en colaboración coa Asociación FurgoGalicia.
Entre os momentos máis destacados desta edición figura a presentación da canción propia do Gulliver Fest, creada como novo sinal de identidade do evento. O tema darase a coñecer na noite do sábado, arredor da medianoite, coincidindo cunha das xornadas centrais do festival e diante de todas as persoas asistentes.
A programación contará tamén coa participación de figuras destacadas da cultura viaxeira, como a xornalista Rosa María Calaf e o escritor e divulgador Pablo Strubell, ademais dunha ampla oferta musical con artistas como Muyayo Rif, Hafa Afrosweet, Lidia India, Farra Fanfarra, Wahira, Balkan Bomba, La Duendeneta e Uxía Lambona e a Banda Molona.
O Gulliver Fest volverá converter Pedroso nun espazo de encontro para viaxeiros e familias, cun programa pensado para desfrutar da natureza, da cultura e da convivencia ao longo de toda a fin de semana.
Para máis información sobre programación, horarios, entradas ou como chegar ao festival pode consultarse a páxina web https://gulliverfest.naron.gal/.