O CONCELLO DE NARÓN OFERTA DÚAS EDICIÓNS DUN CURSO DE OPERADOR/A DE CARRETILLAS E PLATAFORMAS ELEVADORAS CON CERTIFICACIÓN UNE
A formación, de 50 horas, contará con dúas edicións de 10 prazas cada unha e desenvolverase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz
Narón, 28 de agosto de 2026. O Concello de Narón, a través do Servizo Sociocomunitario, oferta dúas edicións do curso “Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras-PEMP (con certificación UNE)”, unha acción formativa de 50 horas que se impartirá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
A primeira edición desenvolverase do 14 ao 29 de setembro e a segunda do 30 de setembro ao 16 de outubro, en ambos os casos de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas. Cada edición contará con 10 prazas.
O programa inclúe a formación de operador/a de carretilla elevadora UNE 58451 (20 horas) e de operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) UNE 58923 (15 horas), ademais de módulos de orientación laboral e busca de emprego, igualdade de oportunidades e perspectiva de xénero, e PRL e Medio Ambiente no sector naval, así como dúas charlas e visitas.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o 1 de setembro, ás 8:30 horas, ata o 7 de setembro de 2026, ás 13:00 horas, no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou polos restantes medios previstos na normativa. A selección realizarase por rigorosa orde de inscrición, reservándose o 20% das prazas para derivación do Servizo Sociocomunitario.
Entre os requisitos figuran ter 18 anos cumpridos no inicio do curso, estar desempregado/a e empadroado/a en Narón. Poderán acceder persoas desempregadas doutros concellos se quedan prazas vacantes. Será necesario acreditar a situación de desemprego antes do inicio da formación.
As persoas interesadas poden consultar as bases completas na sección Información Pública – Formación da Sede Electrónica do Concello de Narón ou obter máis información no Centro Municipal de Formación, no teléfono 981 33 31 35.
O Concello resérvase a posibilidade de anular o curso se non se alcanza o 60% da participación prevista.