O PARQUE DO RÍO FREIXEIRO ACOLLE ESTA VINDEIRA FIN DE SEMANA A "CHEESECAKE FEST" CON MÁIS DE DEZ SABORES DE TARTAS DE QUEIXO
O festival gastronómico celebrarase do 4 ao 6 de setembro con ambiente familiar e formato pet friendly.
Narón, 2 de setembro de 2026. O Concello de Narón colabora na organización da "Cheesecake Fest", un festival gastronómico itinerante que aterrará no Parque do Río Freixeiro os días 4, 5 e 6 de setembro. O evento ofrecerá aos veciños e visitantes máis de dez variedades de tartas de queixo, dende as receitas máis tradicionais ata as combinacións máis innovadoras.
A cita gastronómica arrancará o venres 4 de setembro en horario de tarde-noite, dende as 18:00 ata a medianoite (00:00 h). O sábado 5 de setembro o recinto permanecerá aberto de xeito ininterrompido dende as 13:00 ata as 00:00 horas, mentres que o domingo 6 de setembro o horario será de 13:00 a 23:00 horas.
A cita está deseñada como unha alternativa de ocio accesible e ao aire libre para gozar en familia, en parella ou con amigos. Ademais, o festival será amigable coas mascotas, polo que os asistentes poderán acudir cos seus cans para gozar do espazo natural do parque e da oferta das distintas foodtrucks.
Con esta iniciativa, o Goberno local reforza a súa aposta polas actividades que dinamizan os espazos públicos urbanos e que ofrecen novas propostas de lecer e gastronomía para todos os públicos dentro do termo municipal.