O PADROADO DA CULTURA DE NARÓN ABRE ESTE LUNS O PRAZO DE MATRÍCULA PARA AS ESCOLAS CULTURAIS MUNICIPAIS
A inscrición pode realizarse do 7 ao 26 de setembro nas disciplinas tradicionais, artísticas, a Escola de Actores e Actrices e bailes de salón.
Venres, 4 de setembro de 2026. O Padroado da Cultura do Concello de Narón abre o prazo de matrícula das Escolas Culturais Municipais para o curso 2026/2027. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición entre o 7 e o 26 de setembro, ambos os dous días incluídos, nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de luns a venres de 9:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
A oferta formativa deste próximo curso mantén as súas tres grandes áreas. As escolas tradicionais inclúen danza tradicional, canto e pandeireta, dirixidas a partir de 5 anos; gaita, percusión tradicional e o recuncho dos pequechos, a partir de 6 e de 3-4 anos respectivamente; acordeón e zanfona, a partir de 8 anos; e construción de instrumentos, a partir de 16. No ámbito das escolas artísticas, ofértanse teatro, a partir de 4 anos, e debuxo, a partir de 6. Complétase a programación coa Escola de Actores e Actrices, para maiores de 16 anos, e cos bailes de salón, a partir de 4 anos.
O prezo da matrícula sitúase, con carácter xeral, en 70 euros por curso. No caso da Escola de Actores e Actrices, o primeiro curso e o Practicum manteñen ese importe, mentres que o segundo e terceiro curso teñen un custo de 220 euros. Pola súa banda, os bailes de salón teñen un prezo de 35 euros de matrícula máis unha cota mensual de 18 euros.
O Padroado da Cultura habilita ademais unha modalidade de fraccionamento de pago para as persoas que formalicen tres ou máis matrículas, así como para as unidades familiares nas que se realicen tres ou máis inscricións, que poderán aboar o 50% do importe no momento da matrícula e o 50% restante entre o 1 e o 15 de decembro, cando tamén se abrirá un segundo prazo de matrícula para aquelas ensinanzas nas que queden prazas vacantes.
"As escolas culturais municipais son un dos piares da nosa oferta formativa e de lecer, e cada ano confirman o interese da veciñanza por seguir aprendendo e practicando as nosas tradicións e as artes escénicas. Convidamos a todas as familias a non deixar pasar este prazo de matrícula", sinalou a alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.
Para calquera consulta adicional, o Padroado da Cultura pon á disposición da veciñanza o teléfono 981 391 144 e os enderezos de correo electrónico mc.blanco@naron.gal e i.lopez@naron.gal.