A matrícula nas actividades do complexo polideportivo da Gándara, nos locais sociais e na piscina municipal poderá efectuarse ata o 30 de setembro.
Mércores, 9 de setembro de 2026. O Padroado de Deportes do Concello de Narón abre este xoves, 10 de setembro, o prazo de inscrición nas actividades deportivas do curso 2026/27 para as persoas usuarias que non conten con reserva de praza previa.
O Concello lembra que as persoas que xa estiveran inscritas nestas actividades no mes de xuño de 2026 contan con dereito a reserva de praza para o vindeiro curso, sen necesidade de tramitar unha nova alta. Non obstante, debido á obrigatoriedade de domiciliar o pago das actividades —segundo establece a Ordenanza fiscal nº 13, reguladora da taxa por utilización de instalacións deportivas—, as persoas que se deran de alta por primeira vez en xuño deberán ter presentada no Rexistro Xeral do Concello a súa alta de domiciliación bancaria para que a reserva de praza sexa efectiva. Quen non desexe continuar coa actividade poderá tramitar a baixa ata o 14 de setembro no rexistro xeral do Concello, no rexistro auxiliar de Deportes do complexo polideportivo municipal (CPM) da Gándara ou a través da sede electrónica municipal.
As inscricións correspondentes ás escolas deportivas do CPM da Gándara, aos locais sociais de San Xiao, San Mateo, Pedroso e Freixeiro, e á piscina municipal —natación, ximnasia de mantemento, ioga, pilates e musculación— poderán formalizarse na modalidade de nova alta segundo a situación de cada persoa usuaria. Para os posuidores do bono familiar e veciñanza de Narón, o prazo será do 10 ao 30 de setembro, en horario de 08:30 a 13:00 horas, nas oficinas do CPM da Gándara. No caso de veciñanza doutros concellos, o prazo abrirá do 23 ao 30 de setembro, no mesmo horario e lugar.
As actividades das escolas deportivas exteriores —tenis de mesa, remo e xadrez— seguirán o mesmo calendario de inscrición, mentres que o comezo efectivo de todas as escolas deportivas, tanto do CPM como das exteriores, será o día 1 de outubro.
Ademais, o Concello lembra que as escolas de actividades conveniadas e outras actividades xestionadas por clubs —atletismo, balonmán, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, kick boxing, voleibol, ximnasia rítmica, patinaxe artística ou hóckey, entre outras— manteñen a súa propia canle de inscrición a través dos respectivos clubs. As persoas interesadas poden solicitar información directamente nas oficinas do CPM da Gándara.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, sinalou que "coa apertura deste prazo de inscrición queremos garantir que todas as persoas que así o desexen poidan acceder á ampla oferta deportiva municipal, que segue medrando ano a ano".