O TEATRO DE MONICREQUES INTERNACIONAL CHEGA A SEIS PARROQUIAS DE NARÓN COA OITAVA EDICIÓN DE ENTES ANIMADOS
Compañías de Reino Unido, Portugal, Arxentina, Brasil e Dinamarca pasarán polo municipio ata o 27 de setembro.
Xoves, 10 de setembro de 2026. O Concello de Narón participa un ano máis no Festival Internacional Entes Animados, que na súa oitava edición reúne teatro de monicreques e figuras animadas de compañías internacionais en oito concellos da comarca: Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. O certame, que se desenvolve entre o 12 e o 27 de setembro, conta coa dirección artística da Asociación Cultural Titerario e coa organización conxunta dos concellos participantes, entre eles o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
O director do festival, Plamen Dipchikov, e representantes institucionais de cada municipio, entre eles a alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, participaron esta mañá na presentación celebrada na Casa da Cultura de Neda. Nas súas intervencións puxeron en valor a colaboración entre concellos que fai posible que artistas de primeiro nivel internacional actúen na comarca. “Teremos o privilexio de gozar de compañías chegadas de Brasil, Portugal, Arxentina, Reino Unido e Dinamarca”, apuntou Ferreiro, que quixo destacar a aposta de Narón por descentralizar a cultura e achegala con este evento á zona rural.
O municipio naronés acollerá un total de seis funcións repartidas por diferentes parroquias e centros cívicos. A programación principará o venres 18 de setembro, ás 19:00 horas, no Centro Cívico San Xiao, coa compañía británica Drew Colby e o espectáculo “Quen é o señor sombra?”. Ao día seguinte, sábado 19, será o local social "A Pombiña" de Pedroso o que abra as súas portas, ás 13:00 horas, para recibir a compañía portuguesa Historioscopio Teatro coa súa proposta “A Galinha dos Pitinhos de Ouro”.
A cita continuará o domingo 20 de setembro no Centro Cívico e Social de San Mateo, onde a artista arxentina Valeria Guglietti presentará, ás 19:00 horas, o espectáculo “Non toquen as miñas mans”. Xa na recta final do festival, o venres 25 de setembro será o Centro Cívico de Doso o escenario escollido, ás 19:00 horas, para a actuación da compañía brasileira Heliodora e Fabio Superbi con “Barbacena”.
O sábado 26 de setembro, o Centro Cívico e Social de Sedes acollerá, ás 19:00 horas, a compañía brasileira Habib e Valeria co espectáculo “O burro errante”. O festival pecha en Narón o domingo 27 de setembro no Local Social O Val, ás 19:00 horas, coa actuación da compañía danesa responsable do “Alex Barti Show”.
En total, son vinte os espectáculos incluídos nesta oitava edición de Entes Animados. A programación completa pode consultarse nas redes sociais do festival.