O PLENO DE NARÓN APROBA DESTINAR 1,64 MILLÓNS DE EUROS A OITO ACTUACIÓNS DE MELLORA NO MUNICIPIO
A segunda fase do POS+ Adicional 2/2026 dedicarase a realizar obras de accesibilidade, saneamento, pavimentación, eficiencia enerxética e mellora de equipamentos municipais.
Mércores, 16 de setembro de 2026. O Concello de Narón celebrou esta mañá un Pleno extraordinario no que se aprobaron os dous asuntos incluídos na orde do día. Por unha banda, a participación na segunda fase do POS+ Adicional 2/2026 da Deputación, e por outra a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal correspondente ao exercicio 2026.
No primeiro dos asuntos, o Pleno acordou solicitar a aplicación de 1.637.846,44 euros, correspondentes á segunda fase do Plan Único de Concellos, para destinalo a oito investimentos financeiramente sostibles, cun orzamento conxunto de 1.642.143,24 euros.
As actuacións incluídas nesta segunda fase son a reparación da cuberta do Centro de Maiores Manuela Pérez Sequeiros para eliminar as filtracións de auga, cun orzamento de 291.832,11 euros; o proxecto de saneamento en Salgueiral, en Sedes, por 106.112,74 euros; actuacións de accesibilidade nas rúas Torrente Ballester, Cardenal Quiroga, Manuel Murguía e outras, por 172.221,64 euros; e a adecuación da beirarrúa na rúa Cerrallón de Arriba, por 71.984,45 euros.
O plan contempla tamén a reposición da capa de aglomerado nunha trintena de rúas e camiños, entre outras as rúas Garda, Río Seco-Lagoas, Colmeote, Irmáns Pita, Bimbieiro, Cataluña ou Clara Campoamor, cun orzamento total de 682.792,39 euros.
O resto de proxectos que recibiron o visto bo do Pleno son a instalación dunha infraestrutura fotovoltaica para autoconsumo no Pavillón da Gándara, cun investimento de 112.888,78 euros; a reparación do muro de contención no acceso ao Muíño das Aceas, por 108.812,76 euros, e a subministración de luminarias LED para mellorar a eficiencia enerxética do alumeado da estrada de Castela, por 95.498,37 euros.
A participación no POS+ Adicional 2/2026 permitirá, ademais, que o Concello asuma a contratación e execución das obras ou subministracións incluídas no plan, unha vez se produza a súa aprobación definitiva pola Deputación.
O segundo asunto aprobado foi a modificación da Relación de Postos de Traballo e da plantilla municipal de 2026, unha actualización necesaria para adaptar a organización municipal ás necesidades actuais dos servizos. A proposta foi previamente informada favorablemente pola Mesa de Negociación e pola Comisión de Valoración de Postos de Traballo.
A documentación sinala que as modificacións responden a necesidades urxentes e inaprazables da organización municipal e que a súa aplicación está vinculada á correspondente modificación de créditos para dotar economicamente as novas prazas e modificar a partida orzamentaria.