O CIMIX DE NARÓN INAUGURA ESTE VENRES "ORGANISMO VIVO", A MOSTRA QUE PERCORRE A OBRA DE SØJĒ POLCÆM
O acto de apertura terá lugar ás 12:00 horas e contará coa presenza do artista. A exposición pode visitarse ata o 1 de outubro no Muíño de Xuvia.
Xoves, 17 de setembro de 2026. O Museo CIMIX de Narón acolle a partir deste venres, 18 de setembro, a exposición “Organismo Vivo (Cartografía dunha conciencia en transformación)”, do artista SØJĒ POLCÆM. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 1 de outubro.
Lonxe do formato dunha retrospectiva cronolóxica ou dunha reunión de obras independentes, “Organismo Vivo” propón ao visitante introducirse na cartografía dunha conciencia en transformación permanente. O percorrido non se detén unicamente nos resultados visibles da produción artística, senón que convida a percorrer os procesos que a fixeron posible. Cada obra, poema, imaxe e videopoema forma parte dunha mesma arquitectura en movemento.
A elección do CIMIX como espazo expositivo non é casual. O antigo muíño, onde materia, técnica, tempo e transformación permanecen inscritos nos propios muros, dialoga coa idea central da obra de SØJĒ POLCÆM: a arte entendida como unha tecnoloxía humana capaz de transformar experiencia en símbolo, memoria en forma e pensamento en imaxe.
O percorrido reúne pezas procedentes de distintos ámbitos da creación —poesía, fotografía, videocreación, reflexión filosófica e experimentación visual— arredor de preguntas como que é un ser humano, como se constrúe unha identidade ou que lugar ocupa a arte nunha época marcada pola aceleración tecnolóxica. A exposición non ofrece respostas pechadas, senón que propón un mapa aberto no que cada sala funciona como a estación dunha viaxe.
SØJĒ POLCÆM naceu en Ferrol en 1966 e criouse no barrio de San Pablo, nunha familia de clase traballadora. Formado en Delineación Industrial, iniciou a súa vida laboral aos 16 anos como carpinteiro de dique e gradas na antiga Bazán, hoxe Navantia, onde desenvolveu ademais unha ampla traxectoria sindical en CCOO. Paralelamente cultivou, de xeito autodidacta, a filosofía e a poesía, ata que en 2022 adoptou o nome artístico de SØJĒ POLCÆM e puxo en marcha o proxecto dixital “O Mundo Segundo SØJĒ POLCÆM”. Realizou a súa primeira exposición en 2024 na galería DGD de Mallorca e, un ano despois, unha obra súa foi incluída nun catálogo de Magna Art Auctions xunto a pezas de Velázquez, Goya, Picasso e Dalí.
O acto de inauguración celebrarase este venres, 18 de setembro, ás 12:00 horas. Ademais do artista, participarán a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, e a profesora de filosofía Belén Castellanos.