O PLENO DE NARÓN APROBA A ADHESIÓN AO CONVENIO CON SEAGA EN MATERIA DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
A sesión ordinaria de setembro validou todos os puntos da orde do día, entre eles subvencións a clubs e entidades e unha modificación de créditos financiada con remanente de Tesourería.
Xoves, 24 de setembro de 2026. O Concello de Narón celebrou este xoves o pleno ordinario de setembro no que se deu luz verde á adhesión ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a empresa pública Seaga para reforzar a xestión pública da biomasa nas faixas secundarias, como medida de prevención e defensa contra os incendios forestais no termo municipal.
A sesión ratificou así mesmo unha batería de recoñecementos extraxudiciais de crédito. Entre eles, o pagamento ao Concello de Neda pola organización en 2025 do Memorial Adolfo Ros-Volta á Ría, dentro do convenio rotatorio entre Narón, Neda, Fene e Ferrol; as bases e a convocatoria de subvencións a clubs e entidades deportivas de ámbito municipal correspondentes a 2025; e unha nova convocatoria de subvencións a asociacións e outras entidades de ámbito municipal do mesmo exercicio.
Recibiron tamén luz verde os convenios de colaboración en materia de promoción económica asinados en 2025 coa Fundación Exponav, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ferrolterra, as confradías de pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre e de Ferrol, e a Asociación de Comerciantes de Narón.
Na sesión validouse igualmente unha modificación de créditos por un importe total de 111.327,89 euros, financiada con remanente de Tesourería, destinada entre outras actuacións á certificación final da reforma da piscina do Couto, á mellora da accesibilidade na contorna da Praza do Concello, ao reforzo do firme no camiño de Carballeda e á ampliación da rede de saneamento na Picota.
O Pleno tamén aprobou a convalidación do acordo plenario do 29 de xaneiro de 2026 polo que se establece, unha vez se extinga o actual contrato concesional coa mercantil Cosma S.A. en xuño de 2027, un contrato de concesión de servizos como modalidade de xestión do ciclo integral da auga. A proposta tamén convalida os acordos derivados adoptados o pasado 30 de abril de 2026.
Mocións
No apartado de mocións, o Pleno de Narón aprobou a do grupo municipal do Partido Popular reclamando a revisión e corrección das deficiencias detectadas nas obras de humanización entre o Río Inxerto e a avenida de Santa Icía. Igualmente foi aprobada a moción do Partido Popular para a urbanización integral da rúa Concepción Arenal (DP-5403).
Sacáronse tamén adiante a moción do BNG para completar o itinerario peonil existente no Camiño da Xilfeira, entre San Mateo e o Polígono Río do Pozo, e a súa iniciativa para solicitar a adquisición do antigo colexio de Chamorro, coa fin de destinalo a un uso social e de conexión entre barrios.
Por último, o Pleno aprobou as dúas mocións presentadas polo grupo municipal socialista: unha para garantir a colaboración municipal coas actuacións previstas pola Deputación da Coruña nas estradas do Feal e do Trece, e outra para garantir unha prestación digna do Servizo de Axuda no Fogar e a atención efectiva das persoas en lista de agarda.