O CONCELLO DE NARÓN ABRE O PRAZO PARA UN CURSO DE REPOSICIÓN E CAIXA EN SUPERMERCADOS CON PRÁCTICAS EN EMPRESAS
As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de outubro; o curso desenvolverase do 15 de outubro ao 14 de decembro.
Mércores, 30 de setembro de 2026. O Concello de Narón abre este 1 de outubro o prazo de inscrición no curso de Reposición, caixa e atención en seccións de supermercados, unha nova acción do Programa Municipal de Formación pensada para persoas desempregadas que queiran achegarse a un sector con demanda constante de persoal. Ofrécense 15 prazas.
A formación desenvolverase do 15 de outubro ao 14 de decembro no centro municipal de formación Irmás Froilaz, na Gándara. Ao longo das primeiras semanas, o alumnado traballará contidos como a organización, distribución e reposición de produtos, os procedementos de cobro e pagamento das operacións de venda, a comunicación e atención á clientela, a loxística e as técnicas de venda ou a promoción do punto de venda. Completarase con formación en prevención de riscos laborais específicos, adaptación ao posto de traballo e uns módulos transversais que inclúen perspectiva de xénero, orientación laboral ou busca de emprego. O programa inclúe ademais visitas e charlas os días 27 de outubro e 3 de novembro.
Do 18 de novembro ao 14 de decembro, o curso dará o salto á práctica real con 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector, a razón de seis horas diarias. Ata o 17 de novembro, as clases serán de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, coa excepción dos días 21 de outubro, 6 de novembro e 13, 16 e 17 de novembro, nos que o horario será de 8:30 a 14:30 horas.
Poderán solicitar praza as persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. Se sobran prazas, poderán acceder persoas desempregadas doutros concellos, por orde de inscrición no Rexistro Xeral. Ademais, non se poderá estar admitido noutro curso do programa municipal coincidente no tempo, nin ter feito este mesmo curso, nin ter obtido unha avaliación negativa en cursos municipais do mesmo sector nos últimos tres anos.
As solicitudes poden presentarse desde as 8:30 horas do 1 de outubro ata as 13:30 horas do 7 de outubro, no Rexistro Xeral do Concello (en horario de 8:30 a 13:30 horas), na sede electrónica ou por calquera dos medios que recolle o artigo 16.4 da Lei 39/2015. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, e o 20% reservarase a persoas derivadas do Servizo Sociocomunitario; as que non se cubran pasarán ao cupo ordinario.
“Con este curso queremos ofrecer unha formación práctica e próxima ás necesidades reais das empresas do sector, para que quen participe saia coas ferramentas e a experiencia necesarias para incorporarse ao mercado laboral”, asegurou a concelleira de Formación, Natalia Hermida.
O Concello publicará na sede electrónica o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas, contra o que se poderá reclamar durante 24 horas. As persoas seleccionadas serán avisadas por teléfono para confirmar a praza.
Para máis información, pódese consultar a sección de Información Pública, apartado Formación, da sede electrónica do Concello de Narón ou chamar ao Centro Municipal de Formación, no teléfono 981 33 31 35.