Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
FERREIRO AGRADECE Á POLICÍA NACIONAL A "ENTREGA E PROFESIONALIDADE" NO DÍA DO SEU PATRÓN CELEBRADO EN NARÓN
A rexedora naronesa participou no acto institucional da Comisaría Local de Ferrol-Narón na que se impuxeron once condecoracións ao Mérito Policial.
Venres, 2 de outubro de 2026. A Comisaría Local de Ferrol-Narón celebrou este venres o Día da Policía Nacional, a festividade dos Santos Anxos Custodios, patróns do corpo. A xornada comezou no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, cunha eucaristía oficiada polo bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, e continuou no Pazo da Cultura de Narón co acto institucional. Presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, a cerimonia contou coa presenza da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e a subdelegada da Xunta, Martina Aneiros, xunto a outros representantes das administracións, da xustiza, das Forzas Armadas e da Igrexa. Abriu o acto a comisaria xefa, Cristina Ochoa Nalda, e soaron os himnos de España e de Galicia, interpretado este en gaita polo policía David Fernández. Durante a súa intervención, a comisaria xefe avisou de que o corpo afronta "importantes retos" e lembrou que Galicia é actualmente unha das comunidades autónomas máis seguras de España, segundo os datos do Ministerio do Interior. "Desde a nosa comisaría de Ferrol-Narón contribuímos diariamente a manter eses niveis de seguridade grazas ao traballo dos 225 homes e mulleres que integran o noso cadro de persoal e que traballan sen descanso para manter e mellorar as boas cifras que nos acompañan", afirmou. Pola súa banda, Ferreiro quixo trasladar o agradecemento do Concello de Narón a todas as persoas que forman parte do corpo. "Detrás de cada uniforme hai unha persoa que ten unha familia, preocupacións, medos, ilusións, pero que cada día sae á rúa coa responsabilidade de protexer aos demais", afirmou. A alcaldesa engadiu que o labor policial inclúe "moitas horas de traballo que non sempre vemos, pero que fan que sintamos seguridade". A rexedora puxo tamén en valor a coordinación entre as policías locais de Narón e Ferrol: "Cando os diferentes corpos traballan xuntos, quen máis se beneficia é a cidadanía". Nesa liña, subliñou que "a seguridade e a convivencia non se constrúen unicamente en momentos excepcionais, constrúense cada día, con responsabilidade e, sobre todo, con vocación de servizo". Marián Ferreiro rematou a súa intervención felicitando a Policía Nacional no seu día e agradecendo, en nome do Concello e da veciñanza de Narón, "a súa entrega e profesionalidade" e o feito de estar "sempre ao servizo da cidadanía". Durante o acto solemne impuxéronse once condecoracións da Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco. A rexedora de Narón entregou a distinción ao subinspector José Luis Díaz Prado e ao policía Marcos Fernández Costoya. Recibiron tamén recoñecemento o inspector Álvaro Manuel Navarro Villamor; o oficial de policía José Luis Nolasco López; os policías María José Vázquez Losada, Mónica Medín Fernández, Enrique José López López, Sergio López Gunturiz, Rufino Gómez Pena e Álvaro González Rey; e o fiscal xefe da Área de Ferrol, Daniel Jove Martínez. A Comisaría fixo entrega tamén de tres metopas conmemorativas a entidades coas que colabora a Policía Nacional. A primeira foi para o Centro de Menores Virxe do Carme de Ferrol, polo seu labor na atención integral dos menores con dificultades. As outras dúas recoñeceron o traballo dos dous parques de bombeiros da demarcación policial de Ferrol-Narón: o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, que recolleu o inspector xefe Adrián Fraga Dopico, e o Parque de Bombeiros de Ferrol. “O éxito do voso traballo debería medirse por aquilo que non chega a ocorrer. O delito que se prevé, a vítima que recibe protección, o problema que se resolve antes de agravarse. Estes éxitos non ocupan titulares, pero teñen un enorme valor para quen se beneficia deles, a sociedade no seu conxunto”, afirmou a subdelegada do Goberno antes de finalizar o acto co himno da Policía Nacional.

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal