Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN CONVIDA O COMERCIO LOCAL A ATENDER EN GALEGO CO RETO “EN QUE PODO AXUDARCHE?"
A iniciativa, que forma parte do programa “Narón gaña co galego”, ofrece aos negocios participantes un curso de márketing e un vídeo publicitario.
Xoves, 8 de outubro de 2026. O Concello de Narón vén de poñer en marcha a iniciativa “En que podo axudarche?”, dirixida ao comercio local e co obxectivo de que o galego gañe presenza na atención ao público e nas redes sociais dos negocios do municipio. A presentación tivo lugar este xoves no Concello coa participación das concelleiras de Promoción Económica, Olga Ameneiro, e Política Lingüística, María Lorenzo. A proposta, impulsada polas dúas concellarías a través do Servizo de Normalización Lingüística, encádrase no programa “Narón gaña co galego”, que ofrece ao comercio formación, recursos e asesoramento lingüístico para que o persoal poida traballar en galego. Os negocios que se sumen terán que cumprir dous retos entre o 25 de outubro, Día Internacional do Comercio Local, e o 11 de novembro, Día Mundial das Compras. O primeiro destes retos é atender a clientela en galego. Isto significa usar a lingua como idioma de contacto inicial e mantela mentres a persoa non demostre que prefire expresarse noutro. O segundo consiste en publicar en galego nas redes sociais do negocio. Os comercios que o precisen poden pedir axuda ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello para revisar os textos ou resolver dúbidas. Os negocios que cumpran os retos poderán participar nun vídeo publicitario no que se dará a coñecer a súa actividade e as vantaxes de usar o galego no comercio local, sempre co obxectivo de animar a mercar no tecido comercial do municipio. Tamén poderán asistir a un curso sobre fundamentos de márketing e comunicación, que leva por título “O idioma como elemento diferenciador” e que impartirá Xosé Luis Reza Pérez, presidente do Clúster de Ecommerce Galego e socio director de Iuni Strategic Marketers. A formación celebrarase no Café Teatro do Pazo da Cultura os sábados 14 e 21 de novembro, de 16.00 a 20.00 horas. “O que queremos é animar a quen traballa no comercio a dar o paso, sen esixencias nin esquemas complicados. Se atender en galego sae natural, a clientela responde. Convidamos a todos os comercios de Narón a apuntarse e a comprobar por si mesmos que o galego suma”, indicou Ameneiro. Para participar hai que escribir a a.pita@naron.gal entre o 9 e o 22 de outubro, indicando que se solicita participar na iniciativa “En que podo axudarche?”, o nome e a actividade do comercio e unha persoa de contacto, con teléfono e correo electrónico. Durante a campaña, os establecementos participantes poderán identificarse cunha chapa que levará o persoal e cun adhesivo na porta ou no escaparate, para que a clientela saiba que alí a atenderán en galego. Toda a información desta iniciativa pode consultarse en www.naronengalego.gal.
Descarga de archivos
Tamaño:528,87 KB

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal