Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN SÚMASE AO ENREGUÉIFATE, O PROXECTO COLABORATIVO QUE LEVA A REGUEIFA ÁS AULAS
Estréase este ano como concello impulsor dunha iniciativa de dinamización lingüística que xa suma a oito administracións locais.
Xoves, 15 de outubro de 2026. O Concello de Narón súmase este ano ao Enreguéifate, un proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral, para fomentar o uso do galego entre a infancia e a mocidade. A iniciativa nace dos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos e chega este ano á súa décima edición co lema “Enreguéifate, construíndo patrimonio”. Ata agora o proxecto impulsárano Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Con Narón e A Baña, que se incorporan agora, son xa oito os concellos que o sacan adiante. A primeira cita do presente curso é un obradoiro para docentes que queiran descubrir a regueifa como ferramenta didáctica. Terá lugar o venres 23 de outubro, de 16:30 a 20:30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e estará conducido por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende. Dende a improvisación oral en verso, o profesorado traballará estratexias para fomentar na aula a expresión, a empatía e o traballo en equipo, e para promover valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo. A sesión servirá tamén para facer balance do proxecto, que este curso cumpre unha década. A participación require inscrición previa a través do formulario do Enreguéifate, que estará aberto ata o martes 20 de outubro. Hai 45 prazas e, se as solicitudes as superan, terá preferencia o profesorado dos concellos participantes e dos niveis aos que se dirixe o proxecto: 5º e 6º de Educación Primaria e ESO. O resto da programación da décima edición darase a coñecer nas próximas semanas. Para máis información, pódese escribir a info@enregueifate.gal ou chamar ao 686 679 897 (Elena Mareque).

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal