Desenvolveranse un total de seis xornadas informativas no local social para consultar os planos e resolver dúbidas.
Venres, 23 de outubro de 2026. O Concello de Narón puxo en marcha unha rolda de xuntanzas informativas en Piñeiros para presentar á veciñanza os planos do proxecto de humanización da Estrada do Feal, unha actuación que executará a Deputación da Coruña. Os encontros celébranse no local e están abertos á participación de calquera persoa que queira coñecer as obras previstas.
Serán técnicos municipais os encargados de levar os planos ata o local e de explicar o alcance da intervención, así como de atender as consultas que xurdan. A idea é que os veciños e veciñas poidan ver sobre o papel como quedará a vía e que cambios se prevén ao longo do traxecto.
A Deputación destinará ás obras de humanización preto dun millón de euros. A dotación de beirarrúas, unha demanda histórica na zona, será unha realidade no primeiro trimestre de 2027.
As xornadas comezaron o xoves 22 de outubro, de 16:00 a 18:00 horas, e continúan este venres 23, de 9:30 a 11:30 horas. A semana que vén haberá sesións o luns 26, de 16:00 a 18:00 horas, e o martes 27, de 9:30 a 11:30 horas. O calendario péchase o venres 30 de outubro e o luns 2 de novembro, ambos días de 9:30 a 11:30 horas.
Co obxectivo de achegar a información á veciñanza e recoller as súas achegas, o Concello de Narón agarda unha ampla participación nestas citas.