Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O SAMAÍN DE NARÓN TEN CITA EN SAN MATEO CON CASA DO TERROR, CABAZAS, PASEO DE CANDEAS E MÚSICA
O Padroado da Cultura e a Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos organizan un ano máis este evento, que se completa o día 30 coa proxección de “Monstruos, S. A.” no Pazo da Cultura.
Venres, 23 de outubro de 2026. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, presentou este venres a programación do Samaín xunto con María Porto, da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, e Alberto Pena, do Cineclube Serie B. A celebración terá lugar o mesmo día de Defuntos, o vindeiro sábado 31 de outubro, no Centro Cívico Social de San Mateo de Trasancos e nas súas inmediacións, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. As propostas darán comezo ás 18.00 horas, coa inauguración dunha exposición de cabazas e co obradoiro de cabazas e xogos temáticos do Samaín, aberto a todas as persoas que queiran participar. Ás 18.45, abrirá as súas portas a Casa do Terror, que se poderá visitar ata as 23.00 horas. Ás 19.00 horas sairá a Comitiva das Luces e Tebras, o paseo con candeas que ano tras ano enche de luz e de sustos as inmediacións do centro cívico. A música principiará ás 19.30 horas con A Banda do Verán. Ás 20.15 horas, a Agrupación Veciñal de San Mateo ofrecerá unha degustación de caldo e liscos, coa ración a 2,5 euros. O concerto rematará ás 20.30 horas, pero a festa seguirá na carpa, onde a música manterá o ambiente ata as 23.00 horas. Ferreiro convidou a achegarse a San Mateo para celebrar esta data e destacou que “o Samaín é unha das citas máis queridas do calendario de Narón, e en San Mateo ten un ambiente especial grazas ao traballo da veciñanza”. Pola súa banda, María Porto, animou a participar nunha xornada “pensada para que veñan pasalo ben familias enteiras”. Samaín de Cine O día anterior, o venres 30 de outubro, o Pazo da Cultura acolle ás 19.00 horas a proxección da película de Píxar “Monstruos, S. A.”, dentro do ciclo Samaín de Cine que organiza o Cineclube Serie B Cidade de Narón co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia e da Xunta de Galicia. A entrada é de balde.

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal