As obras, que contan co financiamento do Concello e da Xunta, melloran o acceso dende Narón ata o enlace coa AG-64.
Martes, 27 de outubro de 2026. O Concello de Narón vén de rematar as obras de reforzo do pavimento no vial principal do polígono de Río do Pozo, a avenida Bernardo Romero, moi castigada polo paso constante de camións de gran tonelaxe e polo estado do terreo, de base arxilosa e pouco estable.
A intervención consistiu en reforzar as zonas máis deterioradas e repor unha nova capa de aglomerado. Antes de asfaltar fresouse o pavimento antigo nos bordos de cada tramo e limpouse a superficie para aplicar un rego de imprimación que asegura a unión entre capas.
As obras afectaron a 1.420 metros lineais de vial, nuns 10.815 metros cadrados entre tramos de carril completo e zonas concretas, e complétanse co repintado da sinalización horizontal e coa posta a cota de rexistros e sumidoiros.
O contrato foi adxudicado á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A. por 139.573,50 euros. A obra está cofinanciada pola Consellería de Economía e Industria.