“AS NOSAS TRADICIÓNS” VOLVE ÁS ESCOLAS INFANTÍS DE NARÓN CO OUTONO COMO PRIMEIRA PARADA
A iniciativa da Concellaría de Política Lingüística achega a unhas cen familias información, curiosidades e recursos en galego sobre as festas tradicionais.
Venres, 30 de outubro de 2026. As escolas infantís municipais de Narón comezan hoxe a entregar o primeiro dos folletos da iniciativa “As nosas tradicións”, que a Concellaría de Política Lingüística, a través do Servizo de Normalización Lingüística, retoma este curso 2026-27. Este primeiro número está dedicado ás festas do outono, como o magosto, a esfolla ou o Samaín, que se celebra mañá, sábado 31 de outubro.
Os folletos chegarán ao longo do curso a unhas cen familias de nenas e nenos do grupo de 2 a 3 anos. Cada un recolle información, curiosidades e recursos lingüísticos sobre as tradicións culturais galegas máis emblemáticas, como o Nadal, o Entroido, Os Maios ou o San Xoán, e sobre como se viven en Narón. Tamén darán conta de datas institucionais importantes para a lingua e a cultura, como o Día das Letras Galegas, o Día de Rosalía ou o Día de Narón.
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, destacou que “a idade das nenas e nenos é o mellor momento para que o galego e as nosas tradicións entren na casa de forma natural e sexan compartidas en familia”.
Con “As nosas tradicións” o Concello quere ademais que as familias coñezan e participen en Apego, un programa que busca mellorar a socialización en galego desde o berce a través de actividades para as familias e da elaboración e difusión de recursos e materiais en galego para a crianza.
Os folletos tamén se poden descargar na web do Servizo de Normalización Lingüística, www.naronengalego.gal, no apartado de dinamización, ou directamente en www.naronengalego.gal/dinamizacion.