O CONCELLO DESTINA 172.000 EUROS ÁS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DE BEIRARRÚAS NA ÁLVARO PARADELA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a importante mellora na seguridade deste tramo
Narón, 19 de novembro de 2026. As obras de construción dunha beirarrúa na rúa Álvaro Paradela, adxudicadas na súa primeira fase en preto de 172.000 euros, están actualmente en fase de execución. “Trátase dunha intervención que permitirá garantir a seguridade nese tramo peonil, que carecía de beirarrúas e que soporta a diario unha considerable circulación de tráfico rodado e tamén de peatonal, debido en parte á súa ubicación fronte a un dos institutos da cidade”, destacou a alcaldesa, Marián Ferreiro.
Operarios da compañía adxudicataria traballan estes días na zona, localizada nos primeiros 200 metros da rúa Álvaro Paradela, dende o polígono das Lagoas, en dirección á estrada de Castela. O vial afectado polas obras permanece estes días con restricións ao tráfico rodado, permitíndose o paso unicamente das persoas que residen nesa zona, tal e como figura na sinalización.
As obras contemplan a maiores as preinstalacións necesarias para as redes de subministro actualmente instaladas na zona ou que están pendientes de execución e a instalación dunha rede para a recollida de augas pluviais.
“Continuamos traballando na mellora da accesibilidade das vías do termo municipal, destinando parte dos recursos a este tipo de traballos que consideramos moi necesarios e cos que nos comprometemos para ter unha cidade cada día máis accesible e segura”, destacou Ferreiro.