Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DE CULTURA LEVA O CINE AO AIRE LIBRE A CATRO EMPRAZAMENTOS DO MUNICIPIO ESTE VERÁN
O ciclo programa catro proxeccións durante o mes de xullo, todas ás 22.30 horas, no Alto, Xuvia, A Gándara e A Solaina
Mércores, 17 de xuño de 2026. Narón acolle un novo verán de cinema ao aire libre. O Padroado de Cultura do Concello de Narón ten programadas catro sesións cinematográficas en catro emprazamentos distintos do municipio ao longo do mes de xullo, nun ciclo pensado para achegar o cine á veciñanza. As proxeccións darán comezo ás 22.30 horas e a entrada será de balde. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou o programa deste ano xunto a Gustavo del Río, do Padroado de Cultura, destacando o valor deste tipo de iniciativas para animar os espazos públicos e fomentar o ocio cultural en familia durante os meses estivais. “O ciclo de Cine de Verán achega o mellor do cinema familiar a catro barrios do municipio de forma totalmente gratuíta, porque cremos que a cultura ten que ser accesible para todo o mundo”, afirmou Ferreiro. O ciclo dará comezo o 3 de xullo na Praza de Galicia, no Alto, cunha proposta de animación de produción iberoamericana: “Dalia y el libro rojo”, coproducción entre Arxentina, Perú, Colombia, España e Ecuador dirixida por David Bisbano. A película narra a historia de Dalia, unha nena de doce anos que, tras a morte do seu pai —un escritor famoso—, é arrastrada ao interior da novela inacabada del, onde deberá enfrontarse aos seus personaxes para darlle un final. Un relato de aventuras, creatividade e superación persoal que combina técnicas de animación stop-motion, CG e 2D, e que foi nominada nos Premios Platino, nos Premios Sur de Arxentina e no Festival de Sitges. O 10 de xullo será a quenda da Praza da Gándara cos osos máis famosos do cine de animación: “Kung-fu Panda 4”, a última entrega da saga de DreamWorks na que Po deberá atopar o seu sucesor como Guerreiro Dragón mentres se enfronta a un novo e perigoso antagonista. Humor, acción e o inconfundible universo visual da franquía para toda a familia. O 17 de xullo, a Praza do Colexio de Xuvia acolle “Héroes de Central Park“, unha coproducción europea de animación dirixida por Jérémie Degruson con guion dos responsables de “Toy Story”, Joel Cohen e Alec Sokolow. A historia segue a Don, un títere de Don Quixote que foxe do seu teatro en busca de aventuras, e a DJ Doggy Dog, un peluche abandonado no Central Park de Nova York. Os dous forxarán unha improbable amizade e vivirán unha épica aventura polas rúas de Manhattan. O ciclo pecha o 24 de xullo na rúa Francisco Pizarro da Solaina, cunha comedia familiar española: “¿Quién es quién?”, dirixida por Martín Cuervo e protagonizada por Kira Miró, Salva Reina —galardoado co Goya ao mellor actor de reparto en 2025— e Elena Irureta. A familia Fuentes, lonxe de ser un exemplo de harmonía, vese sacudida cando a filla pequena pide un desexo no seu noveno aniversario e toda a familia amence cos corpos intercambiados. Un remake da exitosa comedia francesa “Le sens de la famille” que aposta polo humor branco e a reflexión sobre os vínculos familiares.
Descarga de archivos
Tamaño:198,35 KB

<<< Xuño 2026 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
naron.gal