O MERCADO MEDIEVAL, O FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE E A FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO CENTRAN A OFERTA CULTURAL E DE LECER
A cidade acolle esta fin de semana tres propostas dirixidas a persoas de todas as idades
Narón, 18 de xullo de 2025. A cidade acolle esta fin de semana tres propostas culturais e de lecer, de balde, dirixidas a público de todas as idades. O Mercado Medieval, que abriu onte ao público os seus postos, continuará durante as xornadas de hoxe e tamén o sábado e o domingo no parque do río Freixeiro. Un centenar de postos con produtos artesáns, gastronomía, espectáculos, atraccións infantís, obradoiros de tallas de madeira, tiro con arco e un campamento medieval, entre outras propostas. O Mercado estará operativo en horario de mañá e tarde durante estes tres días.
A maiores, o sábado tamén se desenvolverá o XXXIV Festival Internacional de Folclore, unha proposta que dende as 21:00 horas levará ao parque do río Freixeiro a música e os bailes da Banda de Gaitas e o Grupo de Baile e Música Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón; do gripos Coros y Danzas Castiella de Valladolid; do Grupo Folklórico Kapusankan, de Eslovaquia; da Academia é Jazzy Dance Studios, de Angola e do Conjunto de Proyecciones Folklóricas Dora Pérez de Zárate, de Panamá.
A XXV Festa Gastronómica do Pemento do Couto será outra das propostas desta fin de semana, neste caso para o domingo. Ás 13:00 horas terá lugar no centro cívico social do Couto a tradicional lectura do pregón desta convocatoria, a cargo do enxeñeiro técnico agrícola Xaquín García Sinde. O apartado gastronómico será a partir das 14:00 horas, cun xantar popular na zona a base de churrasco con pementos do Couto e cachelos e pola tarde haberá xogos populares a partir das 16:30 e un baile amenizado por Alejandro Caribe ás 17:30 horas.