EL BRUJO, LA ZARANDA E CHÉVERE ENTRE A PROGRAMACIÓN ESCÉNICA DE PRIMAVERA NO PAZO DA CULTURA
O Pazo da Cultura de Narón afronta o segundo trimestre de 2026 cunha programación que combina nomes históricos das artes escénicas co impulso á creación galega e propostas pensadas para todos os públicos.
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou unha axenda na que destacan figuras e compañías de longa traxectoria xunto a espectáculos musicais, coproducións internacionais e montaxes familiares que reforzan o carácter plural da oferta cultural municipal.
Ferreiro incidiu na aposta por manter unha programación “equilibrada e accesible”, capaz de atraer públicos diversos e consolidar Narón como un dos principais espazos culturais de referencia en Galicia, combinando compañías consolidadas con proxectos innovadores e colaboracións internacionais.
Entre os pratos fortes da tempada sitúanse tres referentes da escena estatal e galega. O actor e dramaturgo El Brujo regresa ao escenario naronés con El viaje del monstruo fiero (11 de abril), un novo encontro co público baseado na súa particular maneira de reinterpretar os clásicos e conectar coa tradición oral a través dun formato directo e próximo.
A compañía andaluza La Zaranda, Premio Nacional de Teatro, achega con Todos los ángeles alzaron el vuelo (25 abril) o seu inconfundible universo escénico, marcado por unha estética poética e crítica que converte cada montaxe nunha reflexión sobre a condición humana e o paso do tempo.
Pola súa banda, a compañía galega Chévere, tamén Premio Nacional de Teatro, presenta o Día das Letras Galegas en Narón a súa última montaxe, ICTUS (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao). A obra toma como fío condutor o cadro A derradeira leición do mestre, a última pintura asinada por Castelao no exilio, para construír unha viaxe teatral que percorre distintos momentos da historia da obra e do seu significado simbólico para Galicia. A través da memoria, o humor e a análise social, Chévere reafirma o seu compromiso cun teatro contemporáneo que dialoga coa realidade política e cultural.
Outro dos fitos do trimestre será a coprodución internacional Zombi manifiesto (29 de maio), impulsada polo Padroado da Cultura xunto á Sala Verdi de Uruguai, un proxecto que exemplifica a vocación de intercambio artístico e proxección exterior da programación naronesa. Esta obra profundamente política evita os clichés e desata risas ao tempo que atrae unha crítica feroz ao sistema económico capitalista.
A programación reforza tamén a presenza da creación galega actual con BenQuerer (24 de abril), a nova proposta coreográfica de Fran Sieira na que comparte escenario co dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras. O espectáculo xira arredor do autocoidado emocional e fusiona danza contemporánea e tradición sonora galega desde unha mirada renovadora.
O calendario inclúe tamén grandes formatos dirixidos ao público familiar e xuvenil. Entre eles destaca o musical infantil O libro da selva, da compañía Artika (6 de xuño), unha adaptación escénica pensada para achegar o teatro musical ás novas xeracións.
A oferta incorpora así mesmo o fenómeno xuvenil Idols – La Revolución K-Pop (10 de maio), un musical que conecta coa cultura pop contemporánea e co fenómeno global da música coreana, ampliando o abano de estilos presentes na programación e buscando atraer novos públicos ao teatro.
Xunto a estes títulos, o programa inclúe outras propostas de teatro, música, danza e espectáculos familiares que completan unha tempada pensada para manter unha actividade cultural continua durante a primavera. A diversidade de formatos e linguaxes escénicas responde, segundo destacou Marián Ferreiro, ao obxectivo de consolidar públicos fieis e seguir abrindo o Pazo da Cultura a novas audiencias.
A programación completa, con información detallada de funcións e venda de entradas, pode consultarse a través das canles habituais do Padroado da Cultura de Narón.