APROBADAS POR UNANIMIDADE AS MOCIÓNS DE TEGA RECLAMANDO Á XUNTA E Á DEPUTACIÓN INVESTIMENTOS PARA A CIDADE
Na sesión plenaria celebrada hoxe, na que se gardou un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas da Dana, tamén saíu adiante unha moción instando á Xunta a solventar o problema da folga no servizo de transporte urbano
Narón, 31 de outubro de 2024. O pleno celebrado esta mañá no Consistorio, dende as 9.30 horas, iniciouse cun minuto de silencio no que a corporación local e o público, en pé, amosaron a sñua solidariedade coas vítimas do temporal Dana nas comunidades de Valencia, Castela A Mancha e Andalucía. Así mesmo, ás 12.00 horas, celebrouse un receso na sesión para facer o propio nunha convocatoria pública ante a porta principal do Concello, retomando posteriormente a convocatoria.
Na mesma aprobáronse por unanimidade dúas mocións presentadas por Terra Galega solicitando tanto á Xunta de Galicia como á Deputación da Coruña, que inclúan nos seus orzamentos do vindeiro ano investimentos para a cidade. Así o recalcaron tanto o voceiro de TEGA, Román Romero, como a alcaldesa, Marián Ferreiro, que recriminaron a falta de compromiso e vontade de ambas administracións para mellorar o benestar das veciñas e veciños de Narón.
No caso da Xunta solicítanse, entre outros, un plan de investimentos para ampliar a rede de saneamento e abastecemento rural, ao igual que se fai noutros concellos; a construción de vivenda de promoción pública; un centro integral de atención ás persoas maiores; un plan de melloras para os centros de ensino públicos que inclúa os servizos de comedor e madrugadores; un centro integrado de Formación Profesional, a renovación de beirarrúas na estrada de Cedeira, a xestión das escolas infantís, unha liña de transporte público que conecte os barrios da Gándara e da Solaina co Concello, o centro de saúde e os dous institutos da cidade e un aparcamento disuasorio.
Así mesmo, en canto á Deputación, reclámanse beirarrúas para a estrada do Feal e a avenida Miguel de Cervantes; executar as sendas peonís do Trece, Castro e de Santa Margarida e o proxecto de ensanche da estrada de San Xiao; un plan de investimentos para mellorar firmes, beirarrúas e a accesibilidade de estradas e vías de titularidade provincial.
Así mesmo, saíu adiante por unanimidade unha moción presentada por TEGA, BNG e PSOE para instar á Xunta a resolver o problema da folga no servizo de transporte urbano, que leva máis de cen días. Dende a corporación local ínstase á Xunta a emprender os pasos necesarios para solventar o conflicto, apoiando as xustas reivindicacións dos traballadores, que solicitan a aplicación do convenio provincial, e garantindo ademais o servizo á cidadanía.
Na sesión plenaria saiu adiante un expediente de modificación de crédito por importe de 61.562 euros. Desta contía, tal e como explicou o edil unha partida de 50.000 euros destinaranse ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Plan de Transporte Metropolitano. Así mesmo, 5.572 euros reserváronse para a implantación dunha nova liña de transporte público de interese municipal e os 5.990 euros restantes para a adquisición de equipamento para o departamento de Educación Viaria.
O Plan Normativo do Concello para o vindeiro ano foi outro dos asuntos aprobados na sesión plenaria desta mañá. No documento prevese a elaboración e posterior tramitación e aprobación de varias normas xurídicas: a modificación do Regulamento de Participación Cidadá, o regulamento de actividades de conciliación e o regulamento do arquivo do Concello. A administración local procederá a regular as bases das diferentes convocatorias de actividades de conciliación en periodos de vacacións escolares que se impulsan a través do Servizo Sociocomunitario. En canto ao arquivo, crearase un regulamento para afrontar os retos derivados da hetereoxeneidade dos documentos elaborados dende as administracións públicas, con novos modelos de xestión e sistemas mixtos en dixital e papel. Deste xeito, tal e como se indicou, melloraranse as condición de conservación e posta a disposición dos documentos que se conservan actualmente en papel. Así mesmo, avanzouse a previsión de aprobar a modificación de diversas ordenanzas fiscais e outras normas de contido económico para 2025.
No apartado de mocións aprobouse tamén a presentada polo PP para acondicionar a praza de Tranvías. Sobre este punto, dende o goberno local recalcouse que no ano 2023 rematouse a última intervención nesta zona, sobre a que o Concello recorda que é unha praza privada de uso público cuxos problemas estruturais son competencia da empresa constructora. Un informe dun técnico municipal incide en que a praza ten problemas constructivos e a reparación do subsolo, tal e como se indicou dende o goberno local, non é obxecto de cesión algunha, co que a reparación correrá a cargo do cedente.
Na sesión tamén se presentou unha declaración institucional sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentos para garantir a atención á violencia machista.