A ALCALDESA ENTREGOU NO CONCELLO OS PREMIOS DO X CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO DE NARÓN
Marián Ferreiro felicitou aos premiados e agradeceu a colaboración do sector hostaleiro local para poder desenvolver unha nova edición deste evento
Narón, 20 de marzo de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, entregaron esta mañá no Concello os premios do X Concurso de Tapas de Entroido organizados pola administración local. Os establecementos A Serra e O Tapeo obtiveron o premio concedido polo xurado e por votación popular, respectivamente. En ambos casos levaron como agasallo un cheque por importe de 500 euros, unha chaquetilla de chef e unha placa conmemorativa do certame. Dámaso e Uxía López recolleron o premio da Serra, se ben o do Tapeo entregóuselle a Alma Senín e Mon Ibáñez. O taco con liscos de A Serra poderá degustarse aínda durante esta semana no citado establecemento, e a Cociburguer do Tapeo, forma xa parte da carta do local, tal e como confirmaron os seus responsables.
Os premiados coas tres ceas valoradas en 100 euros foron Vicente Carlos Rodríguez, Óscar Castro Carnero e Eva Pena Novo, os tres veciños da cidade. Os locais de hostalería elixidos polos agraciados para as ceas, que terán que celebrarse como data tope o 11 de abril, son Casa Sindo, A Serra e O Lugar. O xurado que valorou as tapas dos diferentes establecementos estivo integrado por Miguel Caruncho (profesor de Cociña e Hostalería no CIFP Fraga do Eume), Nerea Armendáriz (instagramer especialista en cociña con @lamorrofino) e Joni Barroso (xefe de cociña do Pazo Libunca). Así mesmo, no caso do voto popular, a clientela encargouse de puntualas a través dun código QR, podendo optar ao premio das ceas no caso de puntuar as elaboradas por catro ou máis establecementos, tal e como se especificaba nas bases.
A alcaldesa interesouse ante os premiados por coñecer a súa valoración do certame e agradeceulles a súa participación. “Nada de todo isto tería sentido sen o voso traballo”, recalcou, en referencia aos establecementos que se sumaron ao certame.
A convocatoria desenvolveuse dende o 27 de febreiro ata o 6 de marzo en dezasete establecementos da cidade, a maiores dos premiados, en: Chacho qué bueno!, Silver, Casa Sindo, Mamá Flora, Clandestino Burger, El Olivo Cocina Bar, Salsiña restaurante, Ronnie, Fame Kanalla, Lambetadas, O Rincón de Trini, O Lugar, Mesón de La Abuela, Café Restaurante Kensington e Chips. A clientela tivo a oportunidade de degustar ao mediodía e pola noite, por un prezo de 3 euros, as diferentes elaboracións, preparadas con produtos típicos do entroido.