Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PROXECTO YOUTUBEIRAS+ OFRECE OBRADOIROS DE CREACIÓN DE CONTIDOS DIXITAIS PARA CENTROS DE ENSINO, DOCENTES E PÚBLICO EN XERAL
O Servizo de Normalización Lingüística de Narón é un dos que participan neste proxecto
Narón, 28 de xullo de 2025. O proxecto Youtubeiras+, no que participan os servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre eles o de Narón, das tres universidades e da Deputación da Coruña abre por vez primeira a outras entidades o prazo para solicitar a organización de obradoiros formativos de creación de contidos dixitais. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos no noso idioma na Rede. Como cada ano, o proxecto Youtubeiras+ ofrecerá cursos de formación cun enfoque teórico-práctico, dirixidos a adquirir as habilidades e estratexias necesarias á hora de ter presenza e gozar de recoñecemento no contorno dixital, para centros educativos, para docentes e para o público xeral. Desta volta, impartiranos Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío, e Laura Veiga, de Pingando. A formación destinada aos centros de ensino ten dous posibles formatos segundo o obxectivo que se procure e os perfís do alumnado. A primeira modalidade consiste nun obradoiro introdutorio de 50 minutos en que se dan a coñecer as bases mínimas para comezar a crear contido en Internet. O segundo formato esténdese até os 100 minutos de duración, con sesións eminentemente prácticas. Os obradoiros para docentes teñen como obxectivo mostrarlle ao profesorado aquelas ferramentas que lle permitan comprender e integrar as redes sociais e a creación de contidos na aula como recursos educativos. Por último, as sesións formuladas para o público xeral –pensadas para ter lugar nos centros socioculturais, casas de mocidade ou asociacións veciñais dos concellos organizadores– terán como temas principais a identidade, a diferenciación dentro do ecosistema dixital e a planificación de contidos a medio e longo prazo. Pódese obter máis información sobre estes obradoiros ou directamente solicitalos na páxina web www.youtubeiras.gal ou escribindo ao correo premios@youtubeiras.gal. No mes de setembro convocarase a IX edición dos Premios Youtubeiras+ e desvelaranse grandes novidades. Mantense a contía dos premios, 7.500 euros, con sete categorías, algunhas delas novas. Na edición anterior, un total de 89 canles concorreron ao certame, das cales 49 procedían de YouTube e as 40 restantes de TikTok.

<<< Agosto 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal