UN EQUIPO DE CINCO BOMBEIROS DO SPEIS DE NARÓN PARTE MAÑÁ CARA OURENSE PARA AXUDAR NA EXTINCIÓN DE INCENDIOS
Ante a solicitude de medios por parte do 112 Galicia-AXEGA, mañá martes a primeira hora da mañá sae un equipo formado por 4 bombeiros e un mando para colaborar na extinción da vaga de incendios que sofre dende hai días a provincia de Ourense.
En relación aos medios desprazados, os bombeiros naroneses levan un camión autobomba forestal, un autobomba lixeiro, motobombas portátiles, mochilas extintoras e repetidor de comunicacións portátil.
A mellora en relación ao risco de incendios na nosa zona polo cambio nas condicións meteorolóxicas en canto a baixada de temperaturas e humidade posibilitan que o parque de bombeiros de Narón poida prestar esta axuda.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, asegurou que “dende o Concello de Narón contribuiremos cos medios materiais que estean ao noso alcance para poder axudar e agradecemos e valoramos, como non pode ser doutro xeito, o ofrecemento dos nosos bombeiros que partirán mañá cara Ourense para axudar na zona ante unha catástrofe destas dimensións”.