Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PROXECTO SOBRE COMPOSTAXE DESCENTRALIZADA E INSERCIÓN SOCIOLABORAL IMPULSA AOS CONCELLOS A REALIZAR ITINERARIOS PROPIOS NESTA ÁREA
Os edís Ibán Santalla e María Lorenzo acudiron á convocatoria, celebrada no Café Teatro do Pazo da Cultura
Narón, 18 de setembro de 2025. O Café Teatro do Pazo da Cultura acolleu na tarde de onte o acto de presentación do proxecto “Compostaxe descentralizada e inserción sociolaboral”, impulsado dende Seitura 22. Os edís Ibán Santalla e María Lorenzo acudiron á convocatoria, na que participaron o presidente da asociación Seitura 22, Miguel Teixido; Pedro Rodríguez, da asociación Aspadir, que falou dunha iniciativa de compostaxe comunitaria e inserción sociolaboral no concello de Rivas-Vaciamadrid e Ángel Lorenzo, da asociación Euroeume, que destacou os fitos e actividades deste proxecto. Esta iniciativa continuará este mes e en outubro coa realización de visitas a entidades interesadas para elaborar un informe individualizado co fin de diagnosticar as fortalezas, oportunidades e necesidades para desenvolver un proxecto propio centrado na compostaxe, tal e como se informou no acto. “Dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa de Seitura 22 para o período 2023-2027 definíronse varios obxectivos estratéxicos con varias liñas de traballo. Entre eles está o de mellorar a calidade de vida da poboación, fomentando a toma de conciencia en relación coas prácticas ambientais responsables, a reciclaxe, redución da pegada ecolóxica e impulsando a economía circular”, explicaron dende a entidade. Na actualidade apóstase por centrarse no desenvolvemento dun proxecto de cooperación Leader para estudar a posibilidade de impulsar programas de compostaxe descentralizado de cara a facilitar a inserción sociolaboral de persoas en situacións de vulnerabilidade. Á convocatoria de onte asistiu persoal das xuntas directivas e dos equipos laborais das entidades do terceiro sector, ao que se lle explicaron as distintas actuacións que contempla o proxecto e se lles relatou a través de videoconferencia a experiencia realizada pola asociación Aspadir, que xestiona as áreas de compostaxe comunitaria en Rivas-Vaciamadrid. “A inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade e colectivos de persoas con discapacidade, é o obxectivo deste proxecto, que pretende dar a coñecer diferentes experiencias realizadas neste ámbito a nivel local e nacional, e facilitar ás entidades participantes o inicio dun itinerario para a realización do seu propio proxecto no seu concello”, indicaron dende Seitura 22. Así mesmo, informouse que as distintas alternativas da compostaxe descentralizada (individual, comunitaria e agrocompostaxe) teñen demostrado en vilas galegas que son unha oportunidade viable para xestionar importantes cantidades destes residuos. Os beneficios son múltiples: económicos, ambientais, sociais, etc. A maiores, recalcouse que os procesos relacionados coa compostaxe poden supoñer unha oportunidade para as entidades do terceiro sector: dende a instalación destas áreas ata a xestión e manexo das áreas de compostaxe comunitarias, dos residuos orgánicos procedentes de centros de hostalería, comedores comunitarios… como se demostrou noutras áreas do país.

<<< Setembro 2025 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal