SARA GUERRERO RECIBE O PREMIO A MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN NA XXXVI GALA DO DEPORTE
O Pazo da Cultura acolleu esta noite a XXXVI edición da Gala do Deporte de Narón nun acto que reuniu a centos de persoas a partir das 21.00 horas. Como é tradición, o evento culminou coa entrega do premio a Mellor Deportista de Narón, que este 2025 recaeu na triatleta Sara Guerrero Manso, da Agrupación Deportiva Náutico de Narón.
Unha actuación do grupo infantil e xuvenil da academia Paso a Paso abriu a gala a ritmo de ABBA. A cita, estivo presidida polo concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, acompañado doutros membros da corporación municipal. Foron os encargados de entregar os recoñecementos das 35 modalidades premiadas, seleccionadas por un xurado integrado por profesionais vencellados ao ámbito deportivo.
No seu discurso, Santalla desculpou a ausencia da alcaldesa, Marián Ferreiro, quen non puido asistir á cita por mor dunha indisposición de última hora. O edil transmitiu “o agarimo e o recoñecemento” da rexedora ás persoas que conforman a familia deportiva de Narón. “Este non é só un acto institucional, senón una celebración do esforzo, da disciplina e da paixón polo deporte que se vive cada día nos nosos clubs, nas escolas deportivas e nas instalacións municipais”, dixo o edil de Deportes que quixo agradecer expresamente “o traballo incansable dos clubs deportivos de Narón”, responsables de formar deportistas e transmitir valores fundamentais, e ratificou que o Concello “seguirá apoiándoos para seguir medrando xuntos”.
Ibán Santalla dirixiuse tamén aos membros do xurado, aos que recoñeceu a imparcialidade e dedicación nunha tarefa “nada doada” dada a calidade das candidaturas, e ao persoal do Padroado de Deportes, “parte fundamental deste éxito colectivo”, polo seu labor diario, a atención aos clubs e a xestión das instalacións.
A triatleta galardoada co Premio a Mellor Deportista, Sara Guerrero Manso (1997), que continúa no estranxeiro tralo seu éxito en Brasil, quixo enviar un vídeo de agradecemento ao seu Concello natal que, dixo, "levo sempre con orgullo". No seu nome recolleu o premio Claudia Fernández, amiga e compañeira na AD Náutico de Narón. Guerrero vén de asinar unha das etapas máis destacadas da súa carreira, sumando medallas en probas internacionais que consolidan a súa proxección. A comezos de novembro, colgaba a plata na Copa do Mundo de Viña del Mar, en Chile, e hai apenas uns días acadaba o primeiro ouro nunha Copa do Mundo na cita celebrada en Florianópolis.
Durante o acto nomeáronse ademais os Deportistas do Ano en 35 disciplinas: atletismo, automobilismo, automodelismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, carreira de montaña, ciclismo, colombofilia, danza urbana, fútbol, fútbol sala, golf, halterofilia, hockey, judo, kárate, karting, kickboxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye slot, remo, silvestrismo, tenis, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, triatlón, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica.
No capítulo das mencións especiais, a gala recoñeceu algunhas das traxectorias e logros máis destacados do ano. No ámbito da promesa deportiva, foron distinguidos a xogadora de tenis de mesa Sofía Couce Insua, do Cidade de Narón e bronce por equipos no último Campionato de Europa, e o piragüista Borja López González, do Firrete, polos seus resultados en competicións autonómica e estatal.
Como Mellor Proxección Deportiva destacouse ao padelista Iago Fuertes Leonardo, do Club Pádel Narón, campión de Europa e do mundo coa selección española e Premio Mellor Deportista de Narón 2024, así como ao futbolista Manuel Fernández Arroyo, actualmente nas filas do Celta de Vigo.
O apartado de Mellor Traxectoria Deportiva recaeu no piloto de rally e referente automobilístico Jorge Cagiao Sueiras, de Recalvi e bicampeón de España de rallies de asfalto, e na judoca June Moreno Campo, da AD Judo Ferrolterra, recoñecidos polo seu longo e brillante percorrido competitivo. O galardón ao Mellor Adestrador foi para Lino López Amado, técnico do Baxi Ferrol, polo seu labor á fronte dun proxecto deportivo consolidado na elite do baloncesto feminino.
Tamén se recoñeceu o éxito internacional de tres formacións vinculadas á danza e ao baile deportivo: Narón Kids, do Club Baile Deportivo Narón; Revolution UPA, de Un Paso Adelante; e Lil Team, de Paso a Paso, que acadaron resultados sobresaíntes en citas fóra de España.
No eido da igualdade, destacouse o compromiso do equipo feminino da SD O Val de Narón, mentres que o premio á Dedicación ao deporte foi para Ramón Rey Leira, da AD Judo Ferrolterra. Como Mellor Club desta edición distinguiuse ao Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, e no apartado de Axuda e colaboración desinteresada recoceuse o labor do Moto Club Fojeteiros, pola súa implicación constante cos eventos deportivos do municipio