Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN PON RUMBO AO NADAL CUNHA PROGRAMACIÓN CHEA DE ACTIVIDADES QUE COMEZA ESTE XOVES
Narón xa respira ambiente de Nadal que irá estendéndose cunha programación pensada para converter as rúas, prazas e espazos culturais do municipio en puntos de encontro durante as próximas semanas.
Tras o simbólico acendido da iluminación o pasado 5 de decembro, o Concello dá comezo oficial este xoves á súa programación de Nadal 2025-2026, un calendario que mestura música, cultura, deporte e actividades familiares co obxectivo de animar a veciñanza a saír, compartir e vivir intensamente estas datas. A proposta esténdese ata comezos de xaneiro e chegará a todos os barrios de Narón. A programación deseñada este ano polo Concello principia este xoves 18 de decembro no Pazo da Cultura (20:00 horas) cun dos pratos fortes do cartel: o concerto de música góspel “Michael Jackson Happy Days. O espectáculo ofrece unha reinterpretación dos grandes éxitos do rei do pop desde a sonoridade propia desta música relixiosa afroamericana, nunha proposta de carácter internacional que inaugura o calendario musical do Nadal naronés. O espírito solidario do Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón amplíase este sábado 20 de decembro coa celebración da XV Xornada Moteira Solidaria que terá o seu epicentro na Praza da Igualdade da Gándara. Organizada polo Moto Club Fojeteiros, a cita inclúe unha saída moteira e a chegada simbólica de Papá Noel sobre dúas rodas ao mesmo lugar onde haberá un punto de recollida de xoguetes, roupa e alimentos non perecedoiros para o CRS. A programación reserva un papel protagonista á mocidade, con propostas deseñadas especificamente para este público. Entre elas, o Nadal Xove que os días 19, 20, 21, 22, 23, 26 e 27 de decembro converterá a Casa da Mocidade nun espazo de encontro con obradoiros creativos, actividades lúdico-educativas e propostas de convivencia para mozos e mozas de 12 a 17 anos. Neste mesmo espazo desenvolverase tamén o Narón LAB, un laboratorio creativo centrado na robótica, a programación e as disciplinas STEAM, activo entre o 22 e o 29 de decembro. As familias atoparán no CIMIX unha proposta singular entre o 26 e o 28 de decembro co obradoiro “Rumbo ao Oriente”, no que as persoas participantes poderán deseñar a súa propia carta aos Reis Magos seguindo modelos do século XVIII, nunha actividade guiada polo especialista Juan Luís Sequeiro. O Nadal infantil completarase con citas como “OHANA: o musical orixinal de Lilo & Stitch”, o 20 de decembro no Pazo da Cultura, ou o tradicional Concerto de Panxoliñas do 22 de decembro na Praza de Galicia, no que participarán varias corais locais e que cada ano se converte nunha das imaxes máis recoñecibles destas datas. A música volverá soar con forza no Pazo da Cultura o 27 de decembro (19:30 horas) co Concerto de Fin de Ano de Sementeira, que non só pecha simbolicamente o ciclo de actuacións do Nadal, senón que tamén serve de escaparate para o traballo formativo desta Asociación Cultural Musical, que desde hai décadas traballa coa mocidade a través da súa escola de música e agrupacións. O Galician Magic Fest, o Festival Internacional de Ilusionismo de Galicia que se celebra o 29 de decembro no Pazo da Cultura (20:30 horas), volve situarse como unha das citas culturais máis relevantes do Nadal en Narón. A gala reunirá sobre o escenario ilusionistas de recoñecido prestixio internacional, entre eles a maga Juliana Chen, o colectivo Magus Utopia ou o ilusionista galego Pedro Volta, nun espectáculo que destaca pola diversidade de estilos e pola súa capacidade para atraer público de todas as idades. Consolidado ao longo dos anos como un referente destas datas, o festival figura entre os eventos con maior afluencia de espectadores da programación municipal. O ano despedirase cunha dobre cita clásica: a popular carreira A Trinataeundoce, a San Silvestre Naronesa, con inscricións abertas ata o 26 de decembro, que discorrerá pola estrada de Castela con saída ás 16.50 horas para rematar o ano de forma deportiva y festiva. Xa na madrugada do 1 de xaneiro, a partir da 1.00 horas, a Praza de Galicia converterase en punto de encontro para celebrar a chegada do Aninovo cunha Festa de Fin de Ano con música en directo e un espectáculo de fogos de artificio para dar a benvida a 2026. A programación de Nadal en Narón manterá o pulso festivo tamén nos primeiros días de xaneiro, con propostas tradicionais e musicais. O 2 de xaneiro, a Gándara acolle un Obradoiro de Cantos de Nadal da man de Semente de Trasancos dirixido a familias, pensado para achegar ás novas xeracións o repertorio popular propio destas datas e fomentar a participación interxeracional arredor da música tradicional. Xa o 3 de xaneiro, o Pazo da Cultura inaugura a súa programación de 2026 co concerto “Back to Glory Days”, un tributo a Bruce Springsteen encabezado polo músico Andrés Balado e banda en directo, que repasará algúns dos temas máis emblemáticos do artista estadounidense nunha cita pensada tanto para o público fiel do rock como para quen busca unha proposta musical de calidade. O colofón desta programación será a chegada das súas Maxestades de Oriente a Narón. É un dos momentos máis agardados do Nadal naronés, a Cabalgata de Reis, que o 5 de xaneiro partirá ás 18.00 horas do CEIP de Xuvia. O percorrido levará os Reis Magos pola estrada de Castela ata a Praza de Galicia, onde serán recibidos oficialmente pola corporación municipal e polos máis pequenos, repartindo ilusión ao longo do camiño. Un momento que, máis aló da tradición, converte as rúas da cidade nun espazo de encontro e celebración familiar para pechar as festas. Como complemento a toda a programación, o Navitrén volverá percorrer o municipio os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro. Polas mañás realizará un traxecto entre a Praza do Concello e Xuvia (de 12.00 a 13.00 horas), e polas tardes circulará pola zona da Gándara con cinco frecuencias: 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas, conectando zonas comerciais e barrios e converténdose nun dos atractivos máis visibles do Nadal en Narón. A información detallada da programación completa pode consultarse nos trípticos elaborados para a ocasión, así como na web do Concello, do Padroado da Cultura e nas redes sociais municipais.
Descarga de archivos
Tamaño:2,47 MB

<<< Decembro 2025 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal