O Concello de Narón celebrará o próximo 5 de marzo, de 16:00 a 18:30 horas, no café teatro do Pazo da Cultura, unha xornada formativa gratuíta sobre violencia machista no deporte, incluída na campaña municipal “Narón adestra en igualdade”, unha iniciativa orientada a promover contornas deportivas máis seguras e igualitarias.
A actividade foi presentada pola concelleira de Igualdade, María Lorenzo, que destacou que “o deporte é un espazo clave de socialización, especialmente entre a mocidade, polo que resulta fundamental dotar aos clubs e entidades de ferramentas para detectar, previr e actuar ante situacións de desigualdade ou violencia machista”. A edil subliñou ademais que este tipo de accións buscan “implicar activamente o tecido deportivo local na construción dun deporte baseado no respecto e na igualdade”.
A xornada está dirixida prioritariamente a clubs e entidades deportivas, aínda que permanecerá aberta ao público en xeral ata completar capacidade. As persoas que non poidan asistir presencialmente poderán seguila en liña, e a formación será gravada para quedar posteriormente dispoñible na canle de YouTube do Concello. As inscricións xa poden realizarse en: http://bit.ly/4kPWhmU
A sesión será impartida por Natalia Fraga Pena, investigadora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e especialista en estudos de xénero, que abordará contidos como os conceptos básicos de igualdade e violencias de xénero, o papel do deporte como axente socializador, as manifestacións da desigualdade no ámbito deportivo e ferramentas prácticas de prevención e actuación para clubs e entidades.
O programa combinará explicación teórica, análise de casos prácticos e un espazo final para dúbidas e conclusións. Durante a xornada tamén se informará ás persoas participantes da posibilidade de converterse en axentes colaboradores do Concello na loita contra a violencia machista no deporte.
Como apoio á iniciativa, a triatleta naronesa Sara Guerrero, referente do deporte local, participa nun vídeo de convite no que anima ao tecido deportivo a sumarse á formación. A deportista defende a importancia de avanzar cara a un deporte “igualitario e respectuoso, libre de violencias machistas” e convida a clubs e entidades a asistir á xornada para coñecer como actuar ante situacións de desigualdade no ámbito deportivo.
Desde o Concello lembran que a actividade é gratuíta e forma parte das accións municipais destinadas a reforzar a igualdade a través do deporte como ferramenta educativa e social.